O futuro centro de saúde de Becerreá supera unha fase clave coa redacción do proxecto en marcha

O futuro centro de saúde de Becerreá continúa avanzando coa elaboración do proxecto básico e de execución, un paso fundamental para facer realidade unha infraestrutura sanitaria que suporá un investimento superior aos 3,2 millóns de euros. A nova dotación contará cunha superficie construída de máis de 2.000 metros cadrados e permitirá ampliar os servizos de Atención Primaria e mellorar a atención aos usuarios da comarca.
O edificio disporá de tres consultas de medicina e outras tres de enfermaría, ademais dunha área específica de pediatría, consulta de matrona, servizo de hixienista e consulta de traballo social, entre outros espazos destinados á atención sanitaria.
A actuación tamén permitirá reforzar o Punto de Atención Continuada (PAC), que presta servizo non só á veciñanza de Becerreá, senón tamén aos concellos de Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Navia de Suarna. Neste sentido, habilitarase unha nova sala de observación, un box de críticos, unha consulta de enfermaría e dúas consultas de medicina, unha máis das existentes na actualidade.
O proxecto básico e de execución, así como a dirección de obra, foron adxudicados o pasado mes de maio por un importe de 212.792 euros. A nova infraestrutura está concibida para incrementar a carteira de servizos sanitarios, mellorar a capacidade asistencial e ofrecer unhas instalacións máis modernas e adaptadas ás necesidades actuais.
Durante unha visita á parcela na que se levantará o novo centro de saúde, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, acompañado polo alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, destacou o compromiso da Consellería de Sanidade coa mellora da Atención Primaria. Villares sinalou que a actuación forma parte da estratexia do Goberno galego para fortalecer este nivel asistencial mediante novas infraestruturas e unha reforma organizativa que busca potenciar o papel da Atención Primaria e Comunitaria dentro do sistema público de saúde.
Neste contexto, lembrou que a Xunta vén de impulsar unha modificación da organización das áreas sanitarias para reforzar a capacidade de xestión da Atención Primaria e Comunitaria, co obxectivo de mellorar a coordinación dos servizos, a prevención da enfermidade e a promoción da saúde.