O gas radón e os seus efectos na saúde, protagonistas dunha conferencia na Deputación de Lugo

O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá este mércores 18 de novembro, ás 19:00 horas, unha conferencia sobre os efectos do gas radón na saúde, dentro da programación da XXXVII edición das Xornadas Luis Asorey. A sesión será impartida por Lucía Martín de Bernardo Gisbert, doutora en Epidemioloxía e Saúde Pública e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que abordará os riscos asociados á exposición prolongada a este gas radioactivo de orixe natural.
Galicia é unha das comunidades máis expostas ao radón debido ás características xeolóxicas do seu solo. Na provincia de Lugo, o 11 % das 651 vivendas nas que se realizaron medicións supera os 300 Bq/m³, o nivel de referencia establecido para os espazos interiores, segundo un estudo publicado en 2025 na revista científica 'Indoor Air'. Na cidade de Lugo, a porcentaxe sitúase no 8 % das 171 vivendas analizadas. Ademais, 56 dos 67 municipios lucenses están incluídos nas zonas de actuación prioritaria fronte ao radón, segundo a clasificación do Consello de Seguridade Nuclear.
Este gas xérase de forma natural no subsolo e pode penetrar nas vivendas a través de gretas e outras aberturas, acumulándose especialmente nos espazos pechados e pouco ventilados. A exposición prolongada a concentracións elevadas aumenta o risco de desenvolver cancro de pulmón, polo que resulta importante coñecer a súa presenza e adoptar medidas para reducir a exposición.
A ciencia detrás dos remedios naturais
A conferencia enmárcase nas XXXVII Xornadas Luis Asorey, patrocinadas pola Deputación de Lugo e organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias baixo o título 'A medicina natural: de remedios tradicionais a evidencias científicas'. O ciclo analiza as posibilidades terapéuticas dos recursos naturais e o fundamento científico das súas aplicacións no ámbito da saúde.
O programa comezou o pasado 9 de novembro con sesións dedicadas á fitoterapia, a cura balnearia e o potencial medicinal dos compostos mariños das microalgas. Nas xornadas dos días 16 e 17 abordáronse tamén a micoterapia e o cultivo e comercialización de plantas medicinais.
Tras a conferencia sobre o radón, o ciclo pecharase o xoves 19 de novembro coa intervención de Mercedes Rois Díaz, doutora en Enxeñaría de Montes e fundadora e CEO de Raíces-Reconecta contigo, que analizará a relación entre os espazos forestais e a saúde a través dos baños de bosque.
As sesións celébranse no salón de actos do Pazo de San Marcos, en horario de 19:00 a 21:00 horas. A participación é gratuíta e pode ser presencial ou en liña, a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación.