O Goberno central iniciará a declaración do Vello Cárcere como Lugar de Memoria Democrática

LugoXa
Pedro Blanco e Miguel Fernández anuncian en Lugo o inicio do procedemento, que será publicado no BOE, e destacan o valor histórico e simbólico do edificio
O-Vello-Cárcere-será-declarado-Lugar-de-Memoria-Democrática
16 Apr 2026

O Goberno de España iniciará no mes de maio o procedemento para declarar O Vello Cárcere de Lugo como Lugar de Memoria Democrática, coa publicación da incoación do expediente no Boletín Oficial do Estado prevista para ese mesmo mes. Así o anunciaron este xoves o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, durante unha visita ao inmoble, na que tamén participou a subdelegada do Goberno na provincia, Olimpia López.

Pedro Blanco cualificou este paso como “un avance decisivo” e sinalou que a declaración supón “un acto de xustiza, de reparación e de dignidade”, reafirmando o compromiso institucional coa memoria das vítimas da represión. Lembrou ademais que en Galicia xa existen tres Lugares de Memoria Democrática recoñecidos —o Pazo de Meirás, as Illas de San Simón e San Antón e a cidade de Ferrol— aos que se sumará proximamente O Vello Cárcere de Lugo.

O delegado puxo en valor o respecto do Ministerio polo significado histórico do edificio, que foi un dos principais espazos de represión política en Galicia durante a Guerra Civil e a posguerra, polo que pasaron arredor de 5.000 persoas entre 1936 e 1940, e no que se viviron situacións de extrema dureza, con persecución, torturas e condicións inhumanas. Subliñou a importancia de preservar esta memoria e de transmitila ás novas xeracións para evitar o esquecemento e a banalización dos feitos.

Blanco tamén destacou a transformación do inmoble, que pasou de ser un símbolo de represión a converterse nun espazo cultural aberto á cidadanía, centrado na difusión de valores democráticos desde unha perspectiva pedagóxica. Ademais, enmarcou este anuncio no cumprimento de compromisos do Goberno con Lugo, citando investimentos como os 9 millóns de euros destinados á nova comisaría da Policía Nacional, os avances na intermodal ou a mellora das conexións ferroviarias.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, salientou que este anuncio supón “un paso fundamental para seguir dignificando un espazo que fala da nosa historia e do compromiso de Lugo cos valores democráticos”, destacando o traballo do Concello na recuperación e posta en valor do edificio. Subliñou tamén a súa transformación nun centro cultural vivo, aberto á cidadanía e orientado á reflexión crítica sobre o pasado.

Ambos mandatarios coincidiron en resaltar a importancia da colaboración institucional. Pedro Blanco afirmou que “cando hai diálogo e cooperación, os proxectos avanzan”, ao tempo que puxo en valor o compromiso do Goberno de España con Lugo e a súa aposta por unha forma de facer política discreta, constante e con resultados.

0.13040089607239