O Goberno local de Lugo inicia as primeiras actuacións para recuperar o río Miño como espazo de lecer e convivencia

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presentou as primeiras actuacións coas que o Concello inicia a recuperación progresiva do río Miño como un espazo destinado ao lecer, á práctica deportiva e á convivencia cidadá. A proposta municipal aposta por un modelo que combina intervencións limitadas no propio leito fluvial coa creación de novos espazos públicos nos terreos situados na súa contorna.
O proxecto susténtase en dous principios básicos: actuar no río unicamente no imprescindible e concentrar os investimentos máis importantes nas áreas próximas ao Miño para crear novas zonas ao servizo da cidadanía. Segundo explicou o Goberno municipal, esta liña de actuación dá continuidade ao traballo impulsado por Elena Candia antes da súa chegada á Alcaldía.
A rexedora lembrou que no pleno de febreiro de 2024 xa defendera a necesidade de iniciar un traballo coordinado coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e coa Xunta de Galicia para analizar a viabilidade técnica e ambiental dunha actuación deste tipo. Posteriormente, o 1 de agosto de 2025 presentouse publicamente unha proposta que definía o modelo de recuperación da contorna do río.
Entre as primeiras actuacións xa executadas figura a instalación de pantaláns flotantes na zona dos Robles, froito da colaboración entre o Concello e a Federación Galega de Piragüismo. A entidade deportiva obtivo as autorizacións necesarias para a instalación destas estruturas con motivo do Campionato Galego e do Campionato de España de Barco Dragón, mentres que o Concello facilitou os elementos necesarios para executar a actuación.
Os pantaláns, que foran adquiridos durante o anterior mandato e permanecían almacenados sen uso nunha nave do Corgo, continuarán instalados ao longo do verán sempre que as autorizacións administrativas o permitan. O obxectivo é mellorar a práctica das actividades náuticas, facilitar un acceso máis cómodo e seguro á auga e ofrecer á cidadanía unha primeira aproximación ao modelo previsto para a recuperación do Miño.
Paralelamente, o Concello promoverá actuacións no propio río compatibles coa protección ambiental. Entre elas figuran traballos de conservación e limpeza das marxes, así como a mellora da accesibilidade mediante elementos autorizables como pantaláns flotantes, ramplas e outras infraestruturas destinadas a facilitar un acceso seguro á auga. Estas intervencións desenvolveranse progresivamente nas contornas dos Robles, do Chapuzo, da Fábrica da Luz e da zona da UNED.
Outra das iniciativas previstas será a creación dun novo espazo público de lecer nunha parcela municipal situada nos Robles, onde o proxecto contempla a construción dunha piscina pública exterior con xogos acuáticos. A alcaldesa explicou que a infraestrutura non poderá executarse durante este verán debido á necesidade de completar a tramitación administrativa e obter as autorizacións correspondentes, aínda que o Concello prevé habilitar actividades recreativas na zona para que a cidadanía poida identificar o lugar onde se desenvolverá a actuación.
Candia sinalou ademais que a resposta rexistrada pola piscina exterior de Frigsa durante os seus primeiros días de funcionamento, con 4.300 usuarios nos dez primeiros días desde a súa apertura, evidencia a demanda existente deste tipo de instalacións e reforza a necesidade de ampliar a oferta municipal de espazos acuáticos ao aire libre.
O Concello tamén iniciou xa os traballos destinados á recuperación da contorna da Fábrica da Luz. As primeiras actuacións consistiron na retirada da maleza e da vexetación acumulada durante anos, mellorando a imaxe do espazo, reducindo o risco de incendios e preparando a zona para futuras actuacións de acondicionamento, entre elas o fresado do terreo e a posterior sementeira de céspede.
Ademais, a administración local xa dispón dunha memoria valorada do proxecto e prevé iniciar nas próximas semanas unha rolda de reunións coa Xunta de Galicia e coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil co obxectivo de consensuar a proposta, incorporar achegas técnicas e avanzar na tramitación das autorizacións necesarias.
O PSOE de Lugo acusa ao Goberno local de crear falsas expectativas sobre unha futura praia fluvial
O concelleiro do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Jorge Bustos, criticou ao Goberno municipal ao considerar que está trasladando unha imaxe que non se corresponde coa realidade ao presentar como un avance cara a unha futura praia fluvial a instalación temporal dun pantalán no río Miño.
Segundo explicou o edil socialista, a autorización existente responde unicamente á instalación provisional dunha estrutura vinculada á celebración dunha proba deportiva e terá unha duración limitada de dez días. Bustos sostén que a actuación foi posible grazas ao traballo e á implicación dos clubs deportivos da cidade e considera que utilizar esta medida para asociar a iniciativa a un futuro espazo de baño supón crear expectativas que non se axustan á situación actual.
O representante socialista lembrou que unha praia fluvial require a existencia dunha serie de servizos e infraestruturas específicas para garantir a súa utilización en condicións de seguridade. Entre elas citou zonas de estancia e lecer, vestiarios, servizos de socorrismo, accesos adecuados, sinalización e outros equipamentos necesarios para a autorización dun espazo destas características.
Para Bustos, a situación actual está lonxe de reunir esas condicións, polo que considera que identificar a instalación provisional do pantalán cun proxecto de praia fluvial pode inducir a confusión entre a cidadanía.
O concelleiro tamén criticou o que definiu como unha estratexia de comunicación baseada en anuncios puntuais e cun forte impacto mediático, asegurando que determinadas actuacións son presentadas como grandes proxectos sen responder a unha planificación a longo prazo.
Neste contexto, o PSOE de Lugo reclamou ao Goberno local que impulse actuacións xa previstas anteriormente para a recuperación do entorno do Miño. Jorge Bustos lembrou que o anterior Executivo municipal deixara definida unha folla de ruta para a creación dunha zona pública de baño no tramo comprendido entre Os Robres e a Fábrica da Luz, integrada nun proxecto máis amplo que incluía tamén a futura piscina pública de Saamasas.
O edil concluíu sinalando que a cidade precisa actuacións estruturais e investimentos destinados a transformar espazos públicos e mellorar os servizos, defendendo a necesidade de executar proxectos planificados fronte a medidas de carácter puntual.