O Gustavo Freire acolle o concerto de Bala
O dúo Bala, integrado polas artistas galegas Anxela Baltar e Violeta Mosquera, que se teñen convertido nunha das sensacións dos panorama musical do punk rock aos ritmos da guitarra eléctrica e da batería, abrirán o mércores 29 de setembro, ás 20.30 horas, a programación promovida pola USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que tamén participan o Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo, co concerto de presentación do seu terceiro e último álbum ‘Maleza’.
Neste novo álbum de estudo, Bala achega ao público un total de nove temas, entre os que se inclúe ‘Agitar’, un dos seus temas máis sonados. Asemade, do mesmo xeito que no seu anterior disco, Anxela Baltar e Violeta Mosquera, apostan por letras en inglés e español, ao tempo que permanecen fieis ao seu son máis característico, o mesmo que lle permitiu a este dúo galego actuar en escenarios de todo o mundo.
O concerto de Bala, como todas as actuacións programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, é de acceso libre e gratuíto para todas as persoas interesadas, sempre e cando fagan reserva previa a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es. As solicitudes deben incluír nome e apelidos da persoa solicitante, así como un número de teléfono de contacto. O aforo do auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo para este concerto estará limitado a un máximo de 325 persoas.