O Gustavo Freire mergúllase na convulsa Asturias dos anos 30 con 'La balada del norte'

A historia da Asturias mineira dos anos trinta chegará ao escenario do Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo o próximo 17 de outubro. Ás 20.30 horas, Saltantes Teatro, compañía asturiana, representará La balada del norte, unha proposta incluída na programación de Camiño Escena Norte 2026.
A montaxe recupera o ambiente social e político previo á Revolución de Asturias de 1934, nunha época marcada polos contrastes entre clases sociais, a precariedade e o avance dun movemento obreiro que cuestionaba as estruturas establecidas.
A historia céntrase en Tristán Valdivia, un home que non atravesa precisamente o seu mellor momento: é xornalista pero non ten xornal, editor sen éxito e vive tamén un fracaso sentimental. En 1933 decide deixar Madrid e regresar á súa terra natal, no norte, onde se reencontra co seu pai, o marqués de Montecorvo.
A volta supón para o protagonista a entrada nun mundo moi diferente ao que coñecera na capital. Nos vales mineiros asturianos descobre unha sociedade atravesada polas desigualdades e na que o traballo nas minas de carbón condiciona a vida de toda a comunidade.
Ao seu redor aparecen personaxes que representan as diferentes caras dunha sociedade en transformación. Mentres as vellas estruturas intentan manterse, os novos tempos gañan forza e provocan un enfrontamento que irá aumentando de intensidade.
A obra emprega este contexto histórico para falar tamén de cuestións humanas como a ambición, as desigualdades, os conflitos sociais e a capacidade das persoas para enfrontarse a situacións límite. O resultado é unha historia na que os acontecementos colectivos e a evolución do protagonista avanzan de maneira paralela.
La balada del norte parte da novela gráfica homónima de Alfonso Zapico, trasladando ao teatro unha historia que combina ficción e memoria histórica para recrear unha das etapas máis convulsas da Asturias do século XX.
Unha compañía con máis de dez anos de traxectoria
A compañía Saltantes Teatro foi creada en 2013 por Luis Alija e Nerea Vázquez. Desde entón, desenvolveu unha traxectoria marcada pola variedade de xéneros e por unha aposta por explorar diferentes linguaxes escénicas.
Ao longo destes anos, o grupo asturiano produciu arredor dunha vintena de espectáculos, con propostas dirixidas tanto ao público familiar e xuvenil como a espectadores adultos. O seu repertorio abrangue contacontos, teatro musical, terror psicolóxico, obras históricas e propostas de temática bélica, entre outros formatos.
A compañía recibiu varios recoñecementos nos últimos anos. Misery obtivo o Premio Oh! 2023 á Mellor Produción, mentres que El gorrumbu conseguiu o Premiu Nel Amaro 2023. Pola súa banda, El chigre menguante foi distinguida nos Premios Oh! 2024 pola súa escenografía e autoría.
Entre os seus traballos máis recentes tamén se atopan La parábola del carbón e La folclórica, un concerto-espectáculo presentado en 2025 con Nerea Vázquez como voz e Carla Armas á fronte da música en directo.
Agora, La balada del norte chega a Lugo como unha das propostas de Camino Escena Norte 2026, achegando ao público galego unha mirada teatral sobre a historia recente de Asturias.