O HULA reforma a UCI pediátrica para gañar en funcionalidade, privacidade e seguridade

GaliciaXa | LugoXa
A actuación, cun investimento superior aos 150.000 euros, permite separar a unidade de coidados intensivos pediátricos da área de Neonatoloxía e incorpora tres boxes illados
HULA-hospital-Lugo-portada
2 Sep 2026

A UCI pediátrica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) conta cunha nova distribución tras as obras de reforma realizadas para mellorar tanto as condicións dos espazos como a atención aos menores que precisan coidados intensivos. A actuación permitiu crear unha unidade pediátrica independente da área de Neonatoloxía, diferenciando os espazos destinados aos neonatos dos utilizados por nenos e nenas de maior idade.

A nova UCI pediátrica dispón de tres boxes independentes e illados, ademais dunha sala de técnicas. Cada un dos postos conta con 20 metros cadrados e a unidade incorpora un control central de enfermería con visión directa sobre as distintas áreas asistenciais. Tamén se habilitaron novos espazos de traballo para os profesionais e zonas de descanso.

A reforma abrangueu tamén a reorganización do conxunto da área pediátrica. Os traballos permitiron adecuar a unidade de Neonatoloxía, mellorar a zona de hospitalización de lactantes e habilitar unha nova sala de lactancia. Ademais, a área queda separada da zona de partos e incorpóranse á actividade asistencial pediátrica espazos que anteriormente estaban destinados a usos administrativos.

Entre as melloras introducidas figura tamén unha zona de estar para os familiares, co obxectivo de ofrecer un entorno máis cómodo durante os ingresos. A nova distribución busca así favorecer unha atención máis funcional e humanizada, ao tempo que reforza a privacidade e a seguridade dos pacientes pediátricos e das súas familias.

A unidade mantén a dotación de persoal que xa prestaba servizo nela, con tres profesionais de enfermería e dous auxiliares por quenda. A actividade asistencial da UCI pediátrica alcanzou, ata o pasado mes de xullo, os 108 ingresos de nenos e nenas, cunha estadía media de 3,28 días. O HULA funciona como centro de referencia para os pacientes pediátricos críticos de toda a súa área sanitaria.

A reforma supuxo un investimento de máis de 150.000 euros por parte da Xunta de Galicia. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou as instalacións acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares, para coñecer o resultado da actuación.

0.15760707855225