O IES Lucus Augusti culmina a súa rehabilitación integral tras un investimento de 3,8 millóns de euros

GaliciaXa | LugoXa
A renovación permitiu mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o acondicionamento acústico do instituto máis antigo de Galicia, ademais de modernizar as súas instalacións respectando o valor patrimonial do edificio
lugo-ies-lucus-augusti
30 Sep 2026

O Instituto Lucus Augusti de Lugo culminou as obras de rehabilitación integral das súas instalacións, unha intervención que permitiu modernizar o edificio e adaptalo ás necesidades educativas actuais sen renunciar á conservación dos seus elementos históricos. Os traballos incluíron a renovación da envolvente, a mellora da eficiencia enerxética, a reforma de diferentes espazos interiores e a actualización dos sistemas de calefacción, electricidade e telecomunicacións.

Unha das principais actuacións centrouse no aforro enerxético, mediante a instalación de 1.273 metros cadrados de illamento térmico, a substitución de 242 fiestras e portas por outras novas de madeira, acordes coa protección patrimonial do inmoble, e a colocación de 863 luminarias LED de baixo consumo. Estas intervencións permitiron reducir nunha media do 36 % o consumo enerxético e as emisións.

A rehabilitación estendeuse tamén á cuberta e aos muros da planta soto, nos que se melloraron a estanqueidade e a impermeabilización. Ademais, renováronse as instalacións de calefacción, electricidade e telecomunicacións, mellorouse a rede de saneamento e actualizouse o sistema contra incendios. No ámbito da accesibilidade, construíronse ramplas e adaptáronse os percorridos interiores para facilitar a mobilidade polo centro.

O acondicionamento acústico foi outro dos eixes da intervención, con melloras en todas as aulas a través da instalación de 4.629 metros cadrados de falsos teitos e da substitución dos vidros dos ocos interiores por outros con maiores prestacións acústicas. A aula de Música e o seu departamento recibiron un tratamento específico de illamento e acondicionamento mediante a colocación de bafles.

Os traballos abrangueron igualmente a recuperación de elementos orixinais do edificio, como as portas e os tabiques de madeira de castiñeiro, as tarimas e os frisos da zona nobre. Tamén se renovaron os remates dos peitorís, empregando mármore máis acorde co estilo arquitectónico do inmoble.

A actuación completouse coa reforma integral dos baños da zona do aulario, dos laboratorios, do salón de actos, da sala de profesores e da sala de reunións, así como coa creación dun novo almacén auxiliar. A maiores, renováronse os pavimentos, os revestimentos e a pintura, tanto no interior como no exterior do edificio.

O resultado das obras foi comprobado este mércores polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita ao centro na que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila. A Xunta investiu 3,8 millóns de euros nesta rehabilitación, que o responsable autonómico cualificou de fundamental para garantir o futuro do instituto, integrado na Rede de institutos históricos de Galicia.

Rodríguez destacou a complexidade de intervir nun edificio que combina o seu valor patrimonial coas necesidades dunha infraestrutura educativa moderna e sinalou que o proceso supuxo un importante reto técnico e para a comunidade educativa. O conselleiro expresou a súa satisfacción polo resultado e desexou que o centro continúe formando as próximas xeracións de galegos durante, polo menos, outros 184 anos.

0.15250897407532