O 'Libro Branco da Influencia Responsable' en galego e a ferramenta 'Thinkfluencer' foron presentados en Lugo

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo foi o escenario da presentación da edición en galego do Libro Branco da Influencia Responsable e de Thinkfluencer, unha ferramenta dixital gratuíta deseñada para fomentar boas prácticas entre os creadores de contido nas redes sociais. O acto reuniu a profesionais e expertos do ámbito da comunicación e do ecosistema dixital.
Na presentación participaron José Ángel Otero e Manuel Rodríguez, presidente e vicepresidente en Galicia da asociación iCmedia, entidade impulsora da publicación, así como o escritor e doutor en Comunicación Félix Caballero, encargado da tradución ao galego desta obra.
O libro nace dun proceso de reflexión colectiva no que participaron axencias, especialistas, influencers, marcas, plataformas, institucións e organismos reguladores co obxectivo de promover un modelo de influencia máis ético, transparente e sostible. Durante o encontro abordáronse cuestións relacionadas co contido dixital, a responsabilidade no seu uso e os retos de futuro das redes sociais en Galicia.
Este evento enmárcase dentro das actividades da iniciativa Dalle Like, unha proposta que conta coa colaboración da Xunta e que pretende visibilizar e poñer en valor o talento galego no ámbito dixital e das redes sociais.
Como peche desta programación, o 16 de maio celebrarase no Círculo das Artes a gala de entrega dos premios Dalle Like, que distinguirán a creadores de contido, proxectos dixitais e marcas galegas que destacan pola súa creatividade, impacto e capacidade para conectar coas novas audiencias.