O lucense Brais Revaldería gaña un Webby Award coa experiencia inmersiva 'Fillos do Vento: A Rapa'

GaliciaXa | LugoXa
A obra sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo logra o premio do público á mellor historia inmersiva nos considerados Óscar de Internet
Fillos-do-vento-A-rapa-de-Brais-Revaldería
23 Apr 2026

A experiencia inmersiva Fillos do Vento: A Rapa, dirixida e producida polo lucense Brais Revaldería, vén de acadar o People’s Voice Webby Award na categoría de mellor historia inmersiva na 30ª edición dos Webby Awards, uns galardóns recoñecidos internacionalmente como os Óscar de Internet.

O proxecto, centrado na tradicional Rapa das Bestas de Sabucedo, foi distinguido co premio do público nunha edición que reuniu máis de 13.000 candidaturas procedentes de máis de 70 países. Ademais, as votacións acadaron unha participación de 4,6 millóns de votos emitidos por máis de 940.000 persoas en todo o mundo, o que dá conta da relevancia e alcance deste recoñecemento.

O propio Revaldería recibiu a noticia mentres se atopaba en Pequín, onde fora convidado ao Beijing International Film Festival. No marco deste evento, participou na gala e chegou a entregar premios dunha universidade, sendo ademais o único occidental presente no acto. Tras coñecer o fallo, o director recoñeceu a sorpresa polo galardón: “Non contabamos con estar nomeados e moito menos con gañar”, sinalou, tendo en conta que competía con grandes produtoras internacionais como Disney ou Targo.

A presenza de Fillos do Vento: A Rapa no festival chinés coincide cun momento destacado para o proxecto, que continúa a sumar recoñecementos tras o seu paso por citas internacionais como Cannes e SXSW. Segundo explicou o creador, este premio reforza o interese global por novas formas de documental que non só se ven, senón que tamén se experimentan.

Neste sentido, destacou que a presentación da obra en Pequín, nun contexto centrado na innovación e no cinema inmersivo, supón unha oportunidade para seguir ampliando o diálogo con novas audiencias e consolidar este tipo de formatos narrativos.

Os Webby Awards, creados en 1996 pola Academia Internacional de Artes e Ciencias Dixitais, recoñecen cada ano a excelencia en internet en ámbitos como as aplicacións, o vídeo ou as experiencias inmersivas, consolidándose como os galardóns máis prestixiosos do ecosistema dixital a nivel global.

0.14247798919678