O Lugo Music Festival reúne durante cinco días arredor de 150 músicos na cidade

Lugo converterase esta semana nun punto de encontro para músicos profesionais, novos talentos e directores coa celebración da quinta edición do Lugo Music Festival '26. A cita desenvolverase do 18 ao 22 de agosto e reunirá arredor de 150 intérpretes, na súa maioría lucenses, nun programa que combina actuacións, formación e competición.
O festival, que conta coa colaboración do Concello de Lugo, dará un paso máis nesta edición levando por primeira vez a súa apertura á Praza Maior. O concerto inaugural terá lugar este martes 18, ás 20.00 horas, coa Banda Sinfónica, que ofrecerá unha proposta centrada nas músicas populares urbanas e tradicionais.
Durante cinco xornadas, a programación percorrerá diferentes estilos e escenarios da cidade. Xunto coa Praza Maior, o Círculo das Artes será outro dos principais espazos dunha iniciativa que busca achegar ao público repertorios que van desde a música clásica ata o jazz, pasando polas sonoridades tradicionais e populares.
Un dos eixos do encontro será o V Curso-concurso de Dirección Musical, que reunirá participantes chegados de diferentes lugares de España e tamén doutros países, entre eles Bélxica e Ucraína, ademais de músicos procedentes de Londres. A competición rematará coa elección do mellor director desta edición.
Á fronte do curso estará Cristóbal Soler, cunha ampla traxectoria no ámbito da dirección musical e actualmente responsable da Banda Municipal de Valencia.
Tras a apertura, a actividade continuará o mércores 19, ás 20.00 horas, no Círculo das Artes, cun recital de solistas no que participarán Gerald Vázquez, ao piano, clarinete e arpa, e a cantante Iria Estévez.
O xoves 20 a música regresará á Praza Maior. Ás 20.00 horas será a quenda do Ensemble Xuvenil de Ventos, coa participación de Tabea Graser. A intérprete volverá participar na programación o venres 21, tamén ás 20.00 horas, desta vez no Círculo das Artes e acompañada polo Grupo de Corda e Piano cun novo repertorio.
A quinta edición chegará ao seu final o sábado 22 no Círculo das Artes. A xornada de clausura incluirá a gran final do Curso-concurso de Dirección Musical e, ás 20.00 horas, o concerto do Grupo de Corda e Piano. O programa completarase cunha mostra de swing a cargo de Nati & Jose Swing e coa participación como solista do saxofonista Kike López.
Ademais dos concertos, de mércores a venres celebraranse ensaios abertos, unha oportunidade para que o público poida achegarse ao proceso de preparación dos intérpretes e coñecer o traballo previo ás actuacións.
O Lugo Music Festival '26 afronta así a súa quinta edición cunha programación que combina o protagonismo dos músicos lucenses coa presenza de participantes internacionais e que durante cinco días levará diferentes expresións musicais a varios puntos da cidade.