O Mago Antón recibirá o premio “Mil primaveras máis” 2026 na Taberna Cultural A Despensa do Saa

A Taberna Cultural A Despensa do Saa fará entrega do premio “Mil primaveras máis” 2026 ao Mago Antón nun acto que terá lugar o sábado 13 de xuño ás 20:30 horas nas súas instalacións.
O galardón distingue a traxectoria dun dos grandes referentes da maxia en Galicia e unha figura clave na normalización lingüística dentro do ámbito escénico. Ao longo de máis de cinco décadas de carreira, entre 1975 e 2026, o Mago Antón desenvolveu unha intensa actividade artística e cultural que o converteu nun dos nomes máis destacados do ilusionismo galego.
Desde A Despensa do Saa destacan especialmente a súa contribución á defensa e difusión da lingua galega a través da maxia, convertendo esta disciplina nun instrumento de valorización cultural e de orgullo lingüístico. Neste sentido, subliñan a relevancia do proxecto Mil maxias máis, unha iniciativa integrada por xogos e ilusións orixinais creados co obxectivo de poñer en valor a palabra e o patrimonio cultural de Galicia.
Como recoñecemento á súa carreira profesional e ao seu labor como divulgador da cultura galega, recibirá o premio “Mil primaveras máis”, unha peza deseñada polo artista Leandro Barea.
A entidade lembra ademais que a gañadora da edición de 2025 foi a escritora Marica Campo.