O Museo de Lugo acolle a exposición "Toca ‘R’, danza ‘R’” con esculturas accesibles ao tacto

O Museo Provincial de Lugo acolle a exposición “Toca ‘R’, danza ‘R’” ata o 18 de outubro., unha proposta artística composta por unha ducia de esculturas procedentes do Museo Tiflolóxico da ONCE. As obras están creadas tanto por artistas con discapacidade visual grave como por autores sen ela, e comparten como fío condutor a danza.
A deputada de Cultura, Iria Castro, asistiu ao acto de inauguración, no que as persoas presentes participaron nunha visita guiada conducida por Ánxeles Miguélez, integrante do departamento de didáctica da Rede Museística e persoa con discapacidade visual.
A exposición afonda na relación histórica entre a escultura e a danza, dúas disciplinas que comparten o corpo humano como medio de expresión, así como o uso do espazo, do tempo e do movemento. Mentres a danza converte o corpo nunha escultura en constante transformación, a escultura fixa ese movemento, permitindo que a figura permaneza nun baile continuo a través da materia.
As pezas seleccionadas permiten ao público aproximarse ás diferentes expresións corporais mediante o tacto, unha característica que facilita a comprensión do corpo como ferramenta artística máis alá do material escultórico. A través da forma, da composición e do xesto, as obras transmiten a enerxía e a fluidez do baile, trasladando ao espectador o dinamismo e a carga emocional propia da linguaxe coreográfica.
Cada escultura inspírase en diversas danzas vinculadas a rituais, crenzas e herdanzas culturais transmitidas ao longo do tempo. Deste xeito, as obras adquiren un significado que vai máis alá do estético, convidando a reflexionar sobre a comunicación e a narrativa a través do movemento conxelado na forma.