O Museo de Lugo mantén aberto o prazo para anotarse nas xornadas sobre a arte do exilio galego
Este mércores remata o prazo para inscribirse na Xornada de conferencias 'A arte do exilio galego no Museo Provincial de Lugo', que terá lugar o xoves 14 pola tarde. Na cita 40 persoas procedentes de distintos puntos de Galiza e do resto do Estado ou da Arxentina, anotáronse xa para participar neste encontro, coordinado por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo e Inmaculada Real, profesora da Universidade Complutense de Madrid.
A cita ten como obxectivo analizar a influencia do exilio na produción creativa de artistas expulsadas polo golpe militar do 36 e a ditadura franquista. A inscrición pode realizarse a través do formulario dispoñible no Museo Provincial de Lugo e na web. As persoas que non precisen certificación de participación na actividade e queiran asistir ás conferencias tamén poderán facelo achegándose o xoves 14 ao Museo. A asistencia estará condicionada ao aforo da sala de exposicións que acolle a mostra "O silencio da pintura" de Leopoldo Nóvoa.
O programa comeza ás 16.00 horas coa presentación da xornada da man Iria Castro, deputada Delegada de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A continuación, Inmaculada Real López, profesora da Univesidade Complutense de Madrid, falará da reconstrución do nacionalismo galego no exilio, ao retorno artístico.
Exilio de Castelao
Ás 17.00 horas, é a quenda da conferencia Carlos López Bernárdez, profesor e ensaísta, que falará sobre a Fronte da arte. O social na arte galega desde a Segunda República ao exilio. Pilar García Negro, profesora e investigadora e Rosario Sarmiento, historiadora da arte analizarán o exilio de Castelao. A partir das 18.30 horas organizarase unha palestra, moderada por Aurelia Balseiro, sobre a presenza do exilio galego na programación museística, cultural e docente coa participación dos anteriores relatores.
A partir das 19.00 horas terá lugar unha visita práctica guiada ás coleccións do exilio do MPL e presentación do seu folleto divulgativo. O remate e as conclusión levaranse a cabo a partir das 20.00 horas.