O Museo Provincial de Lugo incorpora aos seus fondos un tríptico premiado da gravadora Yolanda Carbajales

LugoXa
A obra "Puntos de agarre", realizada coa técnica da maneira negra, foi distinguida co Premio "María Teresa Toral" nos XVIII Premios Nacionais do Gravado
Imaxes-latentes-Museo-Lugo
31 Aug 2026

O Museo Provincial de Lugo vén de ampliar a súa colección artística coa incorporación dunha destacada obra da gravadora galega Yolanda Carbajales, unha doazón que contribúe tamén a aumentar a presenza de creadoras galegas nos fondos da institución e a enriquecer a súa colección de gravados.

A incorporación prodúcese tras a clausura da exposición colectiva "Imaxes latexantes", organizada polo Grupo Técnica Mixta, do que forma parte Yolanda Carbajales. Unha das pezas presentadas nesta mostra permanecerá agora no Museo Provincial de Lugo grazas á xenerosidade da artista.

Trátase da serie "Puntos de agarre", un tríptico composto por tres gravados realizados en 2010 mediante a complexa e antiga técnica da maneira negra ou mezzotinta. A obra foi recoñecida nos XVIII Premios Nacionales del Grabado, convocados anualmente pola Fundación Museo del Grabado Español Contemporáneo de Marbella, onde recibiu o Premio "María Teresa Toral".

Este certame está considerado un dos recoñecementos de maior prestixio en España dentro do ámbito do gravado, polo que a incorporación da peza aos fondos do museo lucense supón tamén a entrada dunha obra premiada nunha das coleccións artísticas de referencia da provincia.

A doazón corresponde ao tríptico "Puntos de agarre", gravado realizado coa técnica da maneira negra no ano 2010, cunhas dimensións de 58 por 78 centímetros. A edición está formada por dez estampas numeradas, do 1/10 ao 10/10, ademais de tres probas de autora.

0.15444207191467