O Museo Provincial de Lugo incorpora seis obras de Acisclo Manzano coa doazón do artista

O Museo Provincial de Lugo ampliou os seus fondos de Belas Artes coa incorporación de seis obras do escultor ourensán Acisclo Manzano. Trátase de dous relevos escultóricos realizados en barro refractario e catro debuxos creados polo artista con motivo da exposición "Miradas de Acisclo Manzano. Homenaxe á Virxe dos Ollos Grandes de Lugo".
A deputada de Cultura, Iria Castro, asinou esta mañá a acta de recepción das novas pezas, que pasan a formar parte da colección da institución museística e contribúen a ampliar a presenza da arte galega contemporánea nos seus fondos.
Durante o acto, a responsable provincial agradeceu ao artista a súa achega ao patrimonio público e destacou a súa vinculación co Museo Provincial. Castro puxo en valor a "xenerosidade do artista con Lugo e co Museo", tanto polo feito de crear unha exposición concibida especificamente para a institución como pola posterior cesión das obras.
Segundo sinalou, estas novas incorporacións permiten "ampliar e enriquecer o patrimonio público", ao tempo que reforzan a colección de arte galega contemporánea do Museo Provincial de Lugo.
A recepción das pezas completouse cunha visita guiada pola exposición, que estivo conducida polo propio Acisclo Manzano e por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial e comisaria da mostra.
"Miradas de Acisclo Manzano. Homenaxe á Virxe dos Ollos Grandes de Lugo" pode visitarse no Refectorio do Museo Provincial ata o 6 de setembro.