O Museo Provincial de Lugo inicia o programa Amadriñando a Rede coa participación da infancia

O Museo Provincial de Lugo acolleu a primeira das actividades de Amadriñando a Rede, unha iniciativa impulsada pola Rede Museística que ten como obxectivo fortalecer os vínculos das novas xeracións cos museos e concienciar sobre a importancia de colaborar na conservación do patrimonio, do territorio e da comunidade desde as primeiras idades.
As protagonistas desta primeira sesión foron as nenas e nenos da Asociación Socio Educativa Antonio Gandoy, que participaron nunha xornada deseñada para achegarlles o valor cultural e social destes espazos.
Durante a actividade, os participantes recibiron o Libro de amadriñamento da Rede e realizaron unha visita por distintos espazos emblemáticos do museo, entre eles o refectorio, a cociña e o claustro.
A programación completouse cun obradoiro colectivo no que a rapazada iniciou a creación do seu propio museo, fomentando así a imaxinación, o traballo en equipo e a conexión co patrimonio cultural desde unha perspectiva participativa.