O Museo Provincial de Lugo reabre a sala capitular tras a renovación do claustro

LugoXa
A Vicepresidencia da Deputación avanza no plan de mellora do espazo museístico, que pon en valor 23 pezas arqueolóxicas e coincide co 95 aniversario da declaración do claustro como monumento
sala-capitular-Museo-de-Lugo
2 Jun 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo continúa co proceso de renovación do claustro do Museo Provincial de Lugo coa reapertura da sala capitular, que volve estar dispoñible para o público tras os traballos de modificación e actualización do discurso expositivo desenvolvidos nas últimas semanas.

A intervención forma parte do Plan de Mellora do claustro iniciado en 2025, que xa incluíu a rehabilitación dos paramentos leste e oeste e a renovación museográfica da ala oeste. Nesta fase centráronse traballos na reparación de enlucidos e cintados, así como na renovación dos módulos de soporte das pezas, co obxectivo de mellorar a estética e a coherencia museográfica do conxunto.

Na sala capitular renovada exhíbense 23 pezas, entre elas 20 epígrafes romanos, dúas estelas anepígrafas e unha basa con fragmento de fuste. As inscricións, datadas entre os séculos I e IV d. C., corresponden a 16 aras, dúas estelas funerarias e dúas placas coa inscrición fundacional da cidade de Lucus Augusti, dedicadas a Roma e a Augusto polo senador romano Paullus Fabius Maximus, gobernador da Hispania Citerior e figura vinculada á fundación da cidade lucense e de Bracara Augusta.

A deputada provincial Iria Castro destacou que a intervención “actualiza e pon en valor as coleccións do Museo e reforza o interese do propio claustro, unha das xoias patrimoniais da cidade de Lugo”, e avanzou que a renovación continuará nos próximos meses con novas actuacións noutros espazos ata completar a súa remodelación integral.

A reapertura coincide ademais co 95 aniversario da declaración do claustro do MPL como Monumento Histórico-Artístico, hoxe Ben de Interese Cultural, decretada o 3 de xuño de 1931. Con motivo desta efeméride, o Museo dedicou recentemente unhas xornadas de divulgación científica ao claustro e ás súas coleccións, e mantén aberta no espazo unha exposición temporal titulada “Patrimonio material e inmaterial do claustro do Museo Provincial de Lugo”.

0.12068605422974