O Museo Provincial de Lugo recupera a icónica caveira de Castelao para celebrar o Samaín cunha mostra virtual

O Museo Provincial de Lugo súmase á celebración do Samaín cunha nova exposición virtual dedicada a Castelao e, especialmente, a unha das súas ilustracións máis recoñecibles: a caveira co ollo de vidro. A imaxe, que destaca polo seu estilo vangardista e a súa carga crítica, protagoniza esta proposta dixital que permite achegarse ao legado artístico e cultural do creador galego.
A ilustración foi realizada en 1922 como portada da novela curta 'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete', publicada pola editorial Céltiga. A obra conta a historia dun esqueleto que observa o mundo dos vivos a través dun ollo de vidro. A través desta figura fúnebre, Castelao constrúe unha sátira coa que denuncia as inxustizas sociais e transmite a idea de que a morte iguala todas as persoas, independentemente da súa posición social.
A peza conservada no Museo Provincial é un linogravado, técnica que o artista descubriu durante unha viaxe de estudos por Alemaña en 1922. Castelao atopou neste procedemento unha ferramenta útil para elaborar ilustracións de prensa e carteis a baixo custo, ata o punto de contribuír á súa difusión entre novos creadores. A composición destaca polo contraste entre grandes superficies brancas e negras e polas formas angulosas e esquemáticas, características que lle conferiron unha gran forza visual.
A popularidade da caveira transcendeu a súa publicación orixinal e chegou a empregarse en carteis publicitarios coa mensaxe 'Alto, merque vosté un ollo de vidro por Castelao'. A imaxe tamén foi recuperada posteriormente pola Real Academia Galega, en 1961, e pola Editorial Galaxia, en 1964.
A mostra, titulada 'O legado de Castelao no Museo Provincial de Lugo. Arte e Identidade', ofrece un estudo das obras do autor que custodia a institución, contextualizando a súa produción desde o punto de vista histórico e artístico e achegándose tamén á súa traxectoria vital. O proxecto é froito dun traballo de investigación do Departamento de Belas Artes do museo, coordinado pola Dirección.
A exposición xa se pode consultar de maneira gratuíta a través da páxina web habilitada polo centro: O legado de Castelao no Museo Provincial de Lugo.
Con esta iniciativa, o museo busca dar maior visibilidade aos seus fondos, incluíndo tanto as obras expostas nas salas como aquelas que se conservan nas zonas de reserva. O obxectivo é facilitar o acceso ao patrimonio, ofrecer recursos para centros educativos, asociacións e colectivos e espertar o interese do público polas coleccións da institución.