O Museo Provincial de Lugo recupera a memoria visual da Pontenova co arquivo fotográfico de Edelmiro Méndez

LugoXa | AMariñaXa
A mostra reúne 243 fotografías seleccionadas dun fondo de máis de 7.000 negativos e permanecerá aberta ao público ata o 10 de xaneiro de 2027
arquivo-edlemiro-mendez-fotografo-pontenova
26 Nov 2026

O Museo Provincial de Lugo acolle desde hoxe, ás 19.00 horas, a exposición temporal "Arquivo Edelmiro Méndez: 1957-1964", unha proposta da Rede Museística Provincial que permite descubrir o legado visual deste fotógrafo e achegarse á realidade da comarca da Pontenova e da Galicia rural de mediados do século XX. A mostra poderá visitarse ata o 10 de xaneiro de 2027 e está comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal.

O conxunto de imaxes realizadas por Edelmiro Méndez entre 1957 e 1964 ofrece un retrato amplo da vida daquela época, que vai máis alá da fotografía tradicional de retratos para documentar numerosas dimensións da realidade social. O arquivo recolle escenas dos labores cotiáns, con especial protagonismo do traballo agrícola, pero tamén momentos de ocio e convivencia, como os baños no río, as romarías, os bailes e distintas manifestacións musicais.

As fotografías permiten, ademais, observar os medios de transporte que formaban parte da vida da comunidade, desde os cabalos e as bicicletas ata as motos e as carrocetas construídas na propia comarca a partir de pezas reutilizadas doutros vehículos. As celebracións familiares e escenas relacionadas coa morte tamén forman parte deste fondo, que constitúe unha valiosa testemuña visual da sociedade rural daqueles anos.

A colección presenta igualmente diferentes maneiras de abordar o retrato. Nalgunhas fotografías aparecen características propias da fotografía popular, como a frontalidade, a simetría, a inmobilidade dos protagonistas, a seriedade dos rostros e a mirada directa á cámara. Noutras, en cambio, os retratados móstranse máis espontáneos, con expresións de alegría, complicidade e naturalidade.

Esta proximidade nas imaxes podería estar relacionada coa propia figura de Edelmiro Méndez, que tamén era gaiteiro e mantía unha relación directa coa veciñanza, diferente á distancia que frecuentemente caracterizaba a outros fotógrafos populares. Desde o punto de vista técnico, o arquivo destaca pola dimensión do traballo realizado cunha cámara sinxela, unha Kodak Retina Ia que non dispoñía de fotómetro nin de telémetro.

A exposición incorpora tamén unha reflexión sobre o significado e a interpretación dos arquivos fotográficos. A proposta parte da idea de que estes fondos constitúen espazos de acumulación que permiten múltiples seleccións e lecturas, capaces de construír relatos diferentes en función da maneira en que se ordenan e presentan as imaxes. Esta cuestión sitúa tamén no centro do debate a autoría e o papel que desempeña na configuración do discurso expositivo.

A partir dun arquivo que supera os 7.000 negativos, a mostra reúne un total de 243 fotografías, unha selección entre as numerosas posibilidades que ofrece o fondo de Edelmiro Méndez. A intención é tanto dar a coñecer parte deste patrimonio visual como convidar o público a reflexionar sobre a natureza, a organización e as posibilidades narrativas dos arquivos fotográficos.

arquivo-fotos-Edelmiro-Mendez-2026-1
arquivo-fotos-Edelmiro-Mendez-2026

0.18492317199707