O Museo Provincial de Lugo renderá homenaxe a Nicandro Ares no centenario do seu nacemento

O Museo Provincial de Lugo acollerá o vindeiro venres 5 de xuño, ás 18.30 horas, o encontro Arredor de Nicandro Ares. Nomes de Lugo, unha actividade organizada con motivo do centenario do nacemento de Nicandro Ares Vázquez, que se cumprirá o domingo 7 de xuño.
O acto estará coordinado pola directora do museo, Aurelia Balseiro, e servirá para reivindicar a figura dun dos principais estudosos da toponimia lucense e pioneiro na investigación das coleccións epigráficas da institución.
A iniciativa pretende poñer en valor o papel dos museos como espazos de conexión entre culturas, xeracións e coñecementos, en liña co lema do Día Internacional dos Museos 2026, “Museos unindo un mundo dividido”. Ademais, busca difundir o legado de investigadores vinculados ao Museo Provincial de Lugo e crear un espazo de reflexión, debate e participación aberto á cidadanía.
A xornada contará cunha presentación institucional a cargo da deputada de Cultura, Iria Castro, acompañada por Mª Dolores Sánchez Palomino, académica de número e membro da directiva da Real Academia Galega, e por Aurelia Balseiro. Posteriormente celebrarase unha mesa redonda moderada pola directora do museo na que participarán Felipe Arias Vilas, Enrique Montenegro Rúa e Antón Santamarina Fernández, todos eles estreitamente relacionados coa vida e a obra de Nicandro Ares.