O novo centro de saúde do Sagrado Corazón contará con 1.600 metros cadrados e atenderá a 10.000 persoas

O novo centro de saúde do Sagrado Corazón terá unha superficie sanitaria de arredor de 1.600 metros cadrados e permitirá atender a unhas 10.000 persoas. O equipamento proxectado ocupará parte da parcela do antigo colexio, que conta con máis de 5.600 metros cadrados, e estará dotado de instalacións máis amplas, modernas e accesibles.
O proxecto contempla sete consultas de medicina familiar e comunitaria e outras sete de enfermería, ademais dunha área de pediatría, unha sala para a toma de mostras e espazos destinados á docencia, entre outras dependencias. O investimento estimado para a construción do novo centro sitúase preto dos cinco millóns de euros.
A localización exacta do edificio dentro da parcela, así como os accesos e a urbanización do resto dos terreos, están a ser analizados a partir do anteproxecto elaborado pola Xunta. O seguinte paso chegará unha vez que o Concello formalice nos vindeiros días a adquisición dos terreos e os poña a disposición do Servizo Galego de Saúde. A partir dese momento, o Sergas poderá licitar a redacción do proxecto do novo centro.
Estes avances foron analizados nunha xuntanza celebrada na Casa do Concello entre o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a alcaldesa de Lugo, Elena Candia. Na reunión tamén participou a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada.
Na mesma reunión tamén se abordou a situación da reforma do centro de saúde da Milagrosa, unha actuación que conta cun investimento de 3,2 millóns de euros. Está previsto que os traballos recuperen este mes de setembro o seu ritmo de pleno rendemento, despois de que fose necesario reforzar a estrutura do edificio debido a unha circunstancia imprevista durante a execución da obra.
A intervención permitirá dotar o centro de seis consultas de medicina familiar e comunitaria e outras seis de enfermería, así como de salas para docencia, atención de urxencias e toma de mostras, entre outros espazos.