O Pazo de San Marcos acolle este xoves a proxección de “Morgana en Esmelle” con coloquio aberto ao público

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos será escenario este xoves 21 de maio da proxección do audiovisual “Morgana en Esmelle”, unha adaptación da novela homónima de Begoña Caamaño que reinterpreta a figura de Morgana desde unha óptica feminista. A sesión, que inclúe tamén un coloquio posterior, terá entrada gratuíta e dará comezo ás 20.00 horas.
Tras a exhibición da peza, o público asistente poderá participar nun encontro aberto co equipo creativo, no que intervirán Irene Pin, directora da adaptación, e Iria Iglesias, directora de arte e autora da banda orixinal.
Durante este espazo de diálogo abordarase o proceso de creación da serie, producida pola cooperativa xuvenil Aqueladas e que conta cun elenco no que participan Isabel Naveira no papel protagonista, así como Rosa Puga, Fernando Morán, Xacobe Bruña e Andrea Varela.