O Pazo de San Marcos acolle unha exposición que une arte, matemáticas e impresión 3D

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos inaugurou a mostra “Patróns de Beleza. Simetría na Arte”, unha proposta que invita a descubrir os vínculos entre a arte, as matemáticas e a creatividade STEAM —Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas— a través de pezas elaboradas mediante impresión en 3D.
A exposición poderá visitarse ata o próximo 30 de xuño e inclúe a posibilidade de realizar visitas guiadas para grupos, especialmente dirixidas ao alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos.
Promovida por Igaciencia coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e comisariada por Inés Ben González, a mostra reúne máis de 70 obras de arte dixital realizadas con impresión en 3D, ademais de pezas en formato 2D. O percorrido abrangue desde exemplos da arte islámica clásica presentes na Alhambra e mosaicos contemporáneos ata manifestacións de arte algorítmica, L-systems e kolam.
A proposta complétase con paneis divulgativos dedicados á simetría, os poliedros, o ambo de Conway e distintas obras que formaron parte dos Congresos Internacionais de Arte e Matemáticas Bridges.
Ademais, o público pode acceder a unha colección audiovisual integrada por 50 vídeos centrados en fractais Menger-Diaz, poliedros, simetrías e octógonos iranianos. A páxina web do proxecto amplía tamén os contidos con materiais dedicados á simetría na física e nas matemáticas, os 17 grupos de simetría no plano, os 230 grupos de simetría no espazo e os estudos desenvolvidos por Kepler sobre a rectificación e o ambo de Conway.
Durante a inauguración, a deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que a exposición constitúe “un punto de encontro entre a creación artística e as ciencias”, unha liña de traballo que, segundo lembrou, xa estivera presente noutras iniciativas desenvolvidas no espazo expositivo provincial.
Castro subliñou tamén a importancia da colaboración con Igaciencia, entidade coa que a Deputación mantén unha relación estable en diferentes proxectos de divulgación científica, e agradeceu o seu compromiso para compartir coñecemento e achegar a ciencia á cidadanía, especialmente á mocidade.
A responsable provincial de Cultura engadiu que a mostra contribúe a avanzar no obxectivo de abrir os museos e os espazos expositivos da Deputación a toda a comunidade, poñendo en valor o traballo realizado en diferentes ámbitos creativos e do coñecemento.
Como parte da programación vinculada á exposición, organizaranse visitas guiadas para centros educativos co obxectivo de achegar ao alumnado unha visión práctica e interdisciplinar da relación entre a arte e as matemáticas.