O pianista Javier Camena acompañará a Ainhoa Arteta na inauguración do novo auditorio de Lugo

LugoXa
Os críticos especialistas sinálano como un dos intérpretes de máis renome do panorama actual e recoñecido pola súa faceta de pianista acompañante de voces
Javier-Camena
24 Out 2024

O pianista Javier Camena será o encargado de acompañar á soprano de Tolosa Ainhoa Arteta, nos dous concertos cos que se inaugurará o novo auditorio de Lugo, os días 20 e 22 de decembro; dúas funcións gratuítas cun espectáculo deseñado especialmente para a apertura desta nova dotación cultural e que brindará ás e aos lucenses a posibilidade de gozar dunha das cantantes líricas máis recoñecidas de todo o mundo, xunto aos acordes ao piano de Javier Carmena, no que é a combinación perfecta de dous artistas que colaboran en moitas das súas actuacións.

De feito, os críticos especialistas sinálano como un dos intérpretes de máis renome do panorama actual e recoñecido pola súa faceta de pianista acompañante de voces. Nesa faceta destacan as súas actuacións xunto a Ainhoa Arteta, pero tamén acompañando a outros grandes solistas como Nancy Fabiola Herrera, Alejandro Roy e Ismael Jordi, entre outros. Este músico é recoñecido tamén como compositor, profesor, e polo seu traballo no Coro da Comunidade de Madrid, actividades que compaxina coa súa faceta de director orquestral e mestre repetidor de todo tipo de obras, desde zarzuelas, a óperas pasando por grandes obras da música española, como El Amor Brujo, de Falla.

A figura de mestre repetidor nos distintos espectáculos musicais é clave posto que ademais de dominar o piano é capaz de reproducir a melodía de cada instrumento e de cada voz, para poder ensaiar sen orquestra. O mestre repetidor é, polo tanto, imprescindible na preparación de calquera ópera, zarzuela ou obra escrita para coro e orquestra. Outra das facetas destacadas deste pianista de Toledo é a de compositor, e de feito, en 2022 estreou a súa zarzuela “El Orgullo de quererte”, interpretada pola propia Ainhoa Arteta e o tenor Ramón Vargas, nunha clara aposta por abrir este tipo de música ao público en xeral, incorporando aos xéneros tradicionais da música, como pode ser a zarzuela, argumentos actuais como é o caso desta obra na que aborda a homosexualidade. Ademais, Javier Carmena se distingue por ter gravados máis de vinte discos como cantante, director e pianista, ao que se suma a súa faceta como profesor de canto, historia da música e de linguaxe musical.

0.22224378585815