O pianista Pedro López ofrecerá un concerto gratuíto na Casa do Saber de Lugo

O pianista español Pedro López ofrecerá un concerto o vindeiro luns, 30 de novembro, ás 20:15 horas, na Casa do Saber do campus de Lugo. A actuación forma parte do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira', incluído na programación do Outono Cultural, e terá entrada gratuíta e libre ata completar a capacidade da sala.
A iniciativa desenvólvese ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan a Universidade de Santiago de Compostela, a área de Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
Pedro López Salas, natural de Albacete, conta cunha destacada traxectoria musical. Na actualidade cursa un Concert Diploma na Escola Superior de Música Reina Sofía, baixo a dirección do mestre Stanislav Ioudenitch e do seu asistente, Vadim Gladkov.
Con anterioridade, realizou un Artist Diploma con Vanessa Latarche no Royal College of Music de Londres e completou o seu Master of Performance con Norma Fisher no mesmo centro, onde obtivo a cualificación de First Class Honours. Foi o único galardoado cunha bolsa completa en ambas as ocasións.
O pianista é membro de The Keyboard Trust e Talent Unlimited, dúas entidades do Reino Unido que apoian o desenvolvemento de novos intérpretes.