O Pleno de Lugo aproba a nova organización do goberno local para este novo mandato

LugoXa
O executivo presidido por Elena Candia define áreas, tenencias de alcaldía e unha redución do 40 % do gasto político respecto ao bipartito anterior
Pleno-Maio-nova-organización-2026-PP
15 May 2026

O Pleno extraordinario celebrado no Concello de Lugo aprobou a nova organización municipal para o vindeiro mandato, nunha sesión na que quedou definida a estrutura do goberno local, a composición da Xunta de Goberno e a distribución das áreas de responsabilidade.

O executivo estará presidido por Elena Candia, que asumirá tamén a Área de Goberno da Alcaldía, Medio Ambiente, Xestión Integral de Recursos Humanos, Seguridade, Dinamización Económica e Relacións Institucionais.

Xunto a ela, formarán parte da Xunta de Goberno Local Antonio Ameijide Osorio, Ramón Manuel Cabarcos Rodríguez, María del Mar Carballas Piñeiro, Javier Vázquez Prado, Flora Rubinos Rois, Silvia Colmenero Guzmán, Agustín Gallego Vigo e Gustavo Enrique Díaz Rey.

Ademais, designouse a Javier Vázquez Prado como concelleiro secretario da Xunta de Goberno Local, con María del Mar Carballas Piñeiro e Gustavo Enrique Díaz Rey como primeiro e segundo suplentes.

No que respecta ás Tenencias de Alcaldía, a estrutura queda fixada con Antonio Ameijide como primeiro tenente de alcaldesa, Ramón Manuel Cabarcos como segundo, María del Mar Carballas como terceira, Javier Vázquez como cuarto, Flora Rubinos como quinta, Silvia Colmenero como sexta, Agustín Gallego como sétimo e Gustavo Enrique Díaz Rey como oitavo.

As áreas de goberno distribúense entre os distintos membros do executivo: Antonio Ameijide asumirá Mobilidade e Obras; Ramón Manuel Cabarcos, Urbanismo; María del Mar Carballas, Economía, Participación, Servizos á Veciñanza e Benestar Animal; Javier Vázquez, Cultura, Educación, Deportes, Infancia e Xuventude; Flora Rubinos, Zona Rural; Silvia Colmenero, Industria e Mercados; Agustín Gallego, Turismo e Museos; e Gustavo Díaz, Política Social, Maiores, Migración, Muller e Conciliación.

Ademais, anunciouse que a Xunta de Goberno Local celebrará sesión ordinaria todos os luns ás 10 horas en primeira convocatoria e unha hora despois en segunda.

A nova organización municipal saíu adiante cos votos a favor dos 12 concelleiros do PP e da concelleira non adscrita María Reigosa, que forma parte do goberno local como “supervisora de infraestruturas”. O pleno estivo marcado tamén pola tardanza do grupo socialista en chegar ao inicio da sesión, mentres que os edís do BNG asistiron co pano palestino en sinal de protesta pola retirada da bandeira do Vello Cárcere.

Por outro lado, o novo executivo estima unha redución do 40 % do gasto político respecto ao anterior goberno de PSOE e BNG, pasando de 822.804 euros a 491.063 euros. Sinalan, ademais, que só sete concelleiros terán dedicación exclusiva (Elena Candia, Mar Carballas, Javier Vázquez, Flor Rubinos, Agustín Gallego, Gustavo Díaz y Damián Carballo), mentres que os outro cinco compatibilizarán os seus empregos co labor municipal, como Antonio Ameijide, que ten salario da Deputación como portavoz popular, e Cristina Sanz cobra como parlamentaria; mentres que Ramón Cabarcos seguirá sendo director de Artes Aplicadas, Aurora Goás é médica no HULA e Silvia Colmenero é enxeñeira en Industria. Pola súa parte, o PSOE terá dúass dedicacións exclusivas e o BNG unha.

Tamén se actualizan as contías por asistencia a órganos municipais, que pasan de 100 a 150 euros nas comisións e na Xunta de Goberno, e de 100 a 250 euros nos plenos.

O goberno local destaca que esta organización permite avanzar cara a un modelo baseado na operatividade, a coordinación e a eficiencia na xestión dos recursos públicos, tras a aprobación acordada coa oposición para axilizar o funcionamento da administración desde o inicio do mandato.

Miguel Fernández acusa a nova organización municipal de Lugo de “amordazar á oposición”

O portavoz municipal socialista, Miguel Fernández, criticou con dureza a nova organización do Concello impulsada polo goberno de Elena Candia, á que acusa de responder a unha estratexia orientada a “amordazar á oposición” e a consolidar un executivo baseado, segundo sostén, no transfuguismo e nos intereses partidistas do Partido Popular.

Fernández asegurou que o pleno no que se pretende aprobar esta nova estrutura representa “un dos episodios máis escuros da historia democrática recente de Lugo”, ao considerar que o proceso estivo marcado pola falta de transparencia, pola improvisación e pola vulneración dos dereitos dos grupos da oposición.

O dirixente socialista cualificou o procedemento de convocatoria do pleno como “antidemocrático”, asegurando que estivo cheo de “trampas e atallos”. Segundo afirmou, non se permitiu nin sequera debater a urxencia da sesión, algo que cualificou de “indefendible polo xeito de proceder”, e sostivo que o obxectivo real é impoñer decisións “por decreto” e ocultar o que definiu como “o pacto da infamia”.

Fernández denunciou tamén que a oposición está a sufrir unha limitación dos seus medios de control e participación, o que, ao seu xuízo, evidencia unha vontade de restrinxir o funcionamento democrático. Criticou a ausencia dunha Xunta de Voceiros e a rapidez coa que se impulsou a reorganización, asegurando que isto supón “un ataque directo aos principios democráticos e aos dereitos dos representantes públicos”. Engadiu que a división de recursos aplicada polo goberno “é inadmisible” e ten como finalidade dificultar o traballo da oposición.

O portavoz socialista advertiu ademais de que a nova estrutura non responde ás necesidades da cidade nin aos retos de Lugo, senón aos intereses internos do Partido Popular e á supervivencia política de Elena Candia. “Estamos ante unha organización deseñada para manter un goberno ilexítimo a calquera prezo”, afirmou.

Tamén criticou a distribución das áreas municipais, que interpreta como unha mostra da falta de proxecto e compromiso do novo executivo. Segundo sinalou, parte do equipo de goberno non estaría plenamente centrado na xestión da cidade, ao compatibilizar responsabilidades políticas con outros ámbitos profesionais, algo que cualificou de preocupante.

Fernández afirmou que esta situación reflicte que “non cren no proxecto” que Candia pretende liderar durante os próximos 12 meses, e sostivo que a medida se está a presentar publicamente como unha redución do gasto político, cando na súa opinión o que implica é unha diminución do compromiso coa cidade.

O portavoz socialista alertou tamén dunha “degradación institucional sen precedentes”, derivada da creación dun sistema de supervisión para unha concelleira tránsfuga, que describiu como unha “bicefalia política e administrativa”. Para o PSdeG, esta fórmula non responde á eficiencia administrativa, senón a unha contraprestación política polo apoio recibido para facer posible a moción de goberno.

Fernández cuestionou ademais a utilidade desta figura de supervisión, á que atribúe problemas de coherencia organizativa e posibles dúbidas sobre a seguridade xurídica e o funcionamento normal da administración local. Segundo indicou, trátase dunha figura creada “como pagamento político polo apoio prestado”.

Finalmente, reiterou que Lugo precisa un goberno “serio, transparente e comprometido coa cidade”, fronte ao que cualifica como un executivo centrado en equilibrar intereses internos e en devolver apoios políticos. O grupo socialista anunciou que seguirá denunciando calquera actuación que, ao seu xuízo, supoña un deterioro da democracia municipal.

0.11198210716248