O Pleno de Lugo nomea por unanimidade a Mariano Castiñeira Vilaseca como Fillo Adoptivo

O Pleno do Concello de Lugo comezou coa aprobación por unanimidade do nomeamento de Mariano Castiñeira Vilaseca como Fillo Adoptivo de Lugo, nun recoñecemento á súa profesionalidade, compromiso e calidade humana, destacando a súa contribución á cidade e o consenso acadado arredor desta distinción.
Durante a sesión tamén se aprobou, tras un intenso debate entre a portavoz do Goberno local, Mar Carballas, do PP, e a portavoz socialista Ana González Abelleira, a proposta de modificación da base 24.E das bases de execución do orzamento xeral de 2026 relativa a subvencións nominativas, que saíu adiante cos votos do PP e da concelleira non adscrita María Reigosa, mentres que PSOE e BNG votaron en contra.
Sen debate previo, o pleno aprobou por unanimidade varias iniciativas, entre elas a ratificación da adhesión do Concello de Lugo á Asociación Nacional de Centros de Empresa e Innovación Españoles (ANCES), a declaración de especial interese municipal dunha licenza urbanística en Romeán para unha explotación gandeira, a adhesión ao convenio entre a Xunta e a FEGAMP para o desenvolvemento dunha administración dixital e a aprobación definitiva do estudo de detalle para a agregación de parcelas na Ronda da Muralla.
No apartado de mocións, o BNG presentou unha proposta en defensa da atención primaria no centro de saúde de Nadela, na que se reclamaba o mantemento do servizo durante o verán e a continuidade da atención para máis de 700 persoas usuarias, advertindo dos problemas de desprazamento e do impacto da falta de servizos sanitarios no rural. A iniciativa foi aprobada por unanimidade, ao igual que outra do BNG sobre a sanidade pública.
Porén, a moción do BNG sobre a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca foi rexeitada polo grupo de goberno, mentres o portavoz nacionalista Rubén Arroxo criticou a falta de avances por parte da Xunta de Galicia e advertiu dos novos prazos previstos para a redacción do proxecto.
Tamén foi rexeitada unha proposta do PSOE para esixir un plan estratéxico de servizos sociais e maior control do financiamento da dependencia, mentres o Goberno local xustificou o voto en contra sinalando unha débeda do Executivo central coa Xunta para financiar estes servizos.
Pola súa parte, o Grupo Popular defendeu tres iniciativas centradas na iluminación da rotonda de Nadela, aprobada por unanimidade; a retirada de brigadas provinciais no municipio e a segunda fase das obras da Avenida Adolfo Suárez, reclamando avances e melloras en infraestruturas clave para a cidade. Estas dúas últimas non contaron co apoio da oposición.
Na quenda final, o BNG interesouse pola pasarela peonil entre o Parque de Rosalía e o Parque de Marcos Cela, pola situación da parcela entre Montero Ríos e o Carril das Flores e pola continuidade do plan de humanización das contornas escolares no CEIP Illa Verde, cuestionando a falta de avances en proxectos iniciados en mandatos anteriores.