O pleno de Outeiro de Rei aproba os orzamentos, que ascenden a 8,66 millóns de euros

LugoXa | TerraChaXa
A sesión comezou coa aprobación da acta da sesión por unanimidade e, tras o debate das contas, centrouse na quenda de rogos e preguntas.
pleno-outeiro-de-rei
25 Jun 2026

O pleno do Concello de Outeiro de Rei aprobou este xoves os orzamentos municipais, que ascenden a un total de 8.660.136,54 euros. As contas municipais contaron cos votos a favor de oito concelleiros do equipo de Goberno e os catro en contra da oposición.

O alcalde, José Pardo Lombao, destacou o capítulo de investimentos, que situou en 2.980.000 euros, ao que engadiu unha subvención da Xunta de 800.000 euros que xa está en execución. Este volume supón o 33,98 % do total do orzamento e avanza a posibilidade de ampliar este capítulo, onde se contempla a aprobación do Plan Parcial para A Palloza.

Pardo defendeu tamén que deixa a débeda pública “nunha cantidade asumible e necesaria”, con gastos financeiros que cifrou no 0,75 % e a anulación das prórrogas de crédito.

Tamén puxo en valor os investimentos en servizos sociais, no SAF e na escola infantil, “onde cada vez hai máis nenos”, e a isto suma máis investimentos en equipamento para o deporte. Por isto cualifica as contas de Outeiro de Rei como “sumamente satisfactorias” polo que implica manter os impostos e as taxas conxelados. Apoyo al deporte y al equipamiento.

“Podémonos sentir satisfeitos por ofrecer máis servizos sen aumentar os impostos e con menos recursos. Vamos dando pasos importantes para mellorar a calidade de vida dos veciños, pero queda moito traballo por facer”, resumiu o mandatario, que tamén fixo referencia ao incremento de poboación “que obriga a dedicar máis cartos públicos a servizos”, citando a mellora da rede de auga ou a rede de estradas, que se amplían e hai que manter, así como preto dun millón de euros a gastos de persoal.

Os dous partidos da oposición votaron en contra ao subliñar que os orzamentos infrinxen a normativa ao atrasar a aprobación dos orzamentos ata mediado o ano. “Non sabemos en que investiu os cartos estes meses”, explicou o nacionalista Miguel Vieito.

Ambos coincidiron en sinalar que o investimento do Concello é menor ao 20 %, xa que a maior parte del procede doutras administracións. “Presentan as contas tarde, mal e falseadas”, insistiu Vieito, que tamén considera que a débeda en realidade supera o 1,25 % e que as taxas “é o primeiro ano que non soben”.

Pola súa banda, a socialista Carmen Acacio reclama máis execución do orzamento e puxo como exemplo A Palloza, “que cada ano conta cunha partida que ano a ano non se executa”. Así mesmo, reclamou que o centro de día está sen abrir “oito anos despois”.
A débeda é de máis do 1,25 %. As taxas están conxeladas, pero é o primeiro ano que non soben.

A sesión comezou coa aprobación da acta da sesión por unanimidade e, tras o debate dos orzamentos, centrouse na quenda de rogos e preguntas.

Aprobouse por unanimidade a urxencia dunha moción do BNG debido á comunicación da AD Matela da súa saída das competicións e tamén da súa posible desaparición debido á falta de apoio do Goberno local para manter as súas instalacións. Falaban dunha necesidade urxente de melloras no campo de San Lourenzo que se presentaron no Concello, “e non se fixo nada”. Solicita na moción que o Concello apoie ao Matela para a volta ás competicións.

O alcalde defendeu que todas as asociacións “queren máis sempre” e que si colaboraron asfaltando os accesos recentemente, así como con outras aportacións. “As instalacións non están ao nivel que nos gustaría, pero están ao nivel que un concello como o noso as pode ter”, recalcou Pardo.

Tamén fixo un chamamento á sociedade deportiva para que negocie co Concello as súas necesidades. “Sempre axudo a todas as asociacións, independentemente da súa ideoloxía”, recalcou, esgrimindo iso como unha das razóns polas que o equipo de goberno non aprobou a moción.

ROGOS E PREGUNTAS

No capítulo de rogos e preguntas, o BNG pediu información sobre o novo CIM, pendente desde 2023, e se hai xa un local destinado para el ou se vai ocupar o local do PAC. Esperamos que nun prazo razoable de tempo poida instalarse o CIM neste centro aproveitando a ampliación do centro de saúde.

Tamén preguntou a razón de que non se celebre o Día do Orgullo LGTBIQA+ no Concello nin se programase ningunha actividade. Considera o alcalde que hai moitos días no ano para conmemoracións e que este ano simplemente non se fixo, pero asegurou que en Outeiro de Rei “non hai discriminacións deste tipo”.

Noutra das preguntas, o BNG pide ao Concello colaborar con todas as comisións de festas a través dunha normativa única. A isto contestou o alcalde que se fai unha aprobación pública das axudas a todos os colectivos, que vén tamén reflectida nos orzamentos e que ten unha cantidade determinada.

Tamén instou ao Concello de Outeiro de Rei a afrontar, por vía directa ou mediante o diálogo interinstitucional, as reparacións necesarias na Torre de Sobrada e nos restantes bens do noso Concello que fan parte da Lista Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra. O alcalde subliñou de novo que a falta de investimentos doutras institucións impide poder intervir nestas infraestruturas e “noutras moitas”.

Tamén reclamou a instalación de puntos violeta nas festas. Sobre isto o alcalde lembra que non existe este tipo de problemas no termo municipal. Tamén pediu a posta en valor das fontes e dos regos, sobre o que o alcalde asegurou que se están realizando paulatinamente melloras e diferentes actuacións.

AS PROPOSTAS SOCIALISTAS

O PSOE, pola súa banda, presentou un rogo e unha pregunta. No primeiro caso traslada ao Goberno municipal o que considera “a preocupación de moitos veciños e veciñas”, a urbanización A Palloza e a posta en funcionamento do Centro de Día. No caso da urbanización A Palloza, explica que esta actuación leva “aparecendo reiteradamente nos orzamentos municipais desde hai décadas, sen que os problemas existentes cheguen a resolverse de maneira efectiva”.

Pola súa banda, a voceira do grupo, Carmen Acacio, afirma que levan oito anos sen poder facer uso dun servizo moi necesario para as persoas maiores e para as súas familias. “Ano tras ano anúncianse novos avances e partidas orzamentarias, pero a realidade é que o centro continúa sen abrir as súas portas á cidadanía”, explicou.

O alcalde respondeu que nos orzamentos xa vén reflectido que se van facer actuacións nos dous casos e que no debate quedou clara a cronoloxía dos feitos.

Na quenda de preguntas, centrouse na situación do D10, Tenis La Roca S.L., o ximnasio privado que foi adquirido por unha empresa de fóra do termo municipal. O equipo socialista demanda información sobre as actuacións que fará sobre este particular.

Pardo remarcou que todas as perdas de servizos son malas para Outeiro de Rei e lembrou que antes da apertura do centro un membro da oposición presentou unha denuncia e provocou o retraso dun mes na apertura. Manifestou a súa intención de manter conversas coa empresa e estar aberto a suxestións para que siga funcionando en Outeiro de Rei.

0.12671303749084