O polígono empresarial do Corgo, máis preto de facerse realidade

A Xunta de Galicia continúa dando pasos para facer realidade a ampliación do parque empresarial do Corgo. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e o xerente de Xestur, Diego Toja, informaron do estado da tramitación dunha actuación que permitirá incorporar 203.089 metros cadrados de superficie ao recinto, dos que 118.244 metros cadrados estarán destinados á implantación de novas empresas.
Segundo explicaron, o Proxecto de Interese Autonómico (PIA), instrumento necesario para levar a cabo a ampliación, xa foi remitido a comezos de xullo á Dirección Xeral de Urbanismo para a emisión do informe previo á súa aprobación. A previsión é que o Consello da Xunta dea luz verde ao documento durante o mes de setembro.
Coa execución desta actuación, o parque empresarial do Corgo pasará a contar cunha superficie total de 347.248 metros cadrados. Deles, máis de 210.000 metros cadrados estarán reservados para actividades industriais e económicas, reforzando a capacidade do municipio para atraer novos investimentos.
O actual polígono, promovido pola Administración autonómica, dispón de 144.159 metros cadrados de superficie bruta e ten todas as parcelas comercializadas, unha circunstancia que, segundo a Xunta, evidencia a elevada demanda existente e a necesidade de ampliar a oferta de solo empresarial.
Tras a aprobación definitiva do PIA, iniciarase a tramitación do proxecto expropiatorio. O calendario previsto sitúa o levantamento das actas previas á ocupación no primeiro semestre de 2027. Ao mesmo tempo, continuará a tramitación do proxecto de urbanización, que xa dispón de informe ambiental favorable e cuxa aprobación definitiva tamén se agarda para ese período.
Unha vez completados estes trámites, licitaranse as obras de urbanización, co obxectivo de iniciar unha intervención considerada estratéxica para incrementar a capacidade industrial do Corgo e atender a demanda de parcelas para novas iniciativas empresariais.
O investimento previsto supera os 11 millóns de euros. Alfonso Villares destacou que esta actuación reforza o compromiso da Xunta coa creación de solo empresarial de calidade, favorecendo a chegada de novos proxectos industriais, a creación de emprego e o impulso da actividade económica na provincia de Lugo.
O delegado territorial lembrou tamén que a Xunta traballa noutras actuacións semellantes, como as ampliacións dos parques empresariais das Gándaras, en Lugo, e de Xove, así como no desenvolvemento do polígono de Meira. En total, a Administración autonómica impulsa arredor de 1,5 millóns de metros cadrados de solo empresarial en distintas fases de planificación e urbanización para reforzar a competitividade do tecido económico lucense.