Avánzase na conexión da Intermodal coa Muralla mentres o PSOE acusa ao PP de “apropiación de proxectos”

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Urbanismo, Ramón Cabarcos, anunciaron que o Concello vai asinar os acordos necesarios para avanzar na obtención dos terreos que permitirán mellorar a accesibilidade entre a estación intermodal e a Ronda da Muralla.
Segundo explicaron, os terreos que pasarán a titularidade municipal corresponden a unha franxa situada ao longo do edificio administrativo multiusos da Xunta de Galicia, entre a rúa Miguel de Cervantes e a Ronda da Muralla. Trátase dun espazo considerado clave para executar a futura pasarela mecánica cuberta prevista no proxecto presentado polo Partido Popular o 13 de maio de 2025.
O executivo local sinala que a actuación avanza en paralelo á modificación puntual do PXOM necesaria para facer viable o proxecto. Este documento, segundo indican, xa está practicamente rematado e será levado proximamente ao Pleno para a súa aprobación.
O proxecto contempla unha pasarela mecánica cuberta estruturada en cinco tramos duns 32 metros cada un, que discorrerá paralela á fachada dereita do edificio multiusos da Xunta. Esta infraestrutura forma parte dunha proposta máis ampla para conectar a nova estación intermodal co centro histórico de Lugo mediante un percorrido accesible, cómodo e integrado no espazo urbano.
A intervención complétase cun elevador panorámico con capacidade para 12 persoas, situado entre as rúas Alta e Miguel de Cervantes. Con estas actuacións preténdese salvar os 27 metros de desnivel e os máis de 400 metros de distancia entre a intermodal e a contorna da Muralla, mellorando tamén a conexión cos barrios da Estación, Sagrado Corazón e Paradai.
Elena Candia destacou que o proxecto é unha prioridade do actual Goberno local e lembrou que, tal e como se avanzou durante o debate da moción de censura, o executivo municipal prioriza dúas actuacións estratéxicas dentro do desenvolvemento do Novo Norte: a mellora desta conexión coa Intermodal e o impulso das infraestruturas de abastecemento nos polígonos industriais. Ademais, o Concello continúa traballando para conseguir os fondos necesarios que permitan materializar a intervención.
O PSOE acusa ao Goberno local de atribuírse un proxecto xa iniciado
En paralelo, o portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, criticou que o Goberno de Candia “pretenda atribuírse méritos alleos” cun proxecto que, segundo afirmou, xa fora deseñado, impulsado e encamiñado polo anterior executivo socialista dentro da estratexia Novo Norte.
Fernández cualificou de “inadmisible” o que definiu como un proceso de “vampirización política” por parte do actual Goberno local, ao considerar que o Partido Popular está a apropiarse de iniciativas que non ideou nin planificou. Sinalou concretamente a conexión entre a intermodal e o centro da cidade como unha actuación que, segundo dixo, naceu do modelo urbano desenvolvido polo anterior Goberno socialista.
O portavoz socialista explicou que durante o seu mandato xa quedara encamiñado o procedemento para a obtención dos terreos necesarios, a través dunha addenda ao convenio existente con ADIF para o desenvolvemento da estación intermodal. Segundo indicou, esta vía foi escollida por ser “a máis rápida e eficaz” para reducir prazos administrativos e acelerar a execución do proxecto.
Fernández insistiu en que esta intervención forma parte da estratexia Novo Norte, un plan global destinado a transformar a zona norte da cidade, mellorar a mobilidade e integrar urbanisticamente a nova intermodal co resto de Lugo.
O portavoz socialista acusou ademais ao Executivo de Candia de realizar unha “posta en escena vergoñenta” ao presentar como propios avances que, segundo sostén, xa estaban impulsados polo anterior goberno. Criticou tamén a falta de iniciativas propias do actual equipo municipal e concluíu defendendo que Novo Norte é unha iniciativa “claramente socialista”, baseada na planificación urbana, a captación de fondos europeos e a colaboración institucional.