O PP de Lugo esixe explicacións polo peche do aparcadoiro do Auditorio Fuxan Os Ventos

LugoXa
Os populares denuncian que as 153 prazas do recinto, inaugurado en 2024, seguen sen uso pese á falta de estacionamento en eventos
Entrada-Auditorio-Fuxan-os-Ventos
14 Apr 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular levará á comisión unha pregunta para que o goberno local dea explicacións sobre os motivos polos que o aparcadoiro do Auditorio Fuxan Os Ventos continúa pechado.

A infraestrutura, que entrou en funcionamento en decembro de 2024, dispón de dúas plantas subterráneas con capacidade para 153 vehículos que, na actualidade, non están a disposición da cidadanía.

Dende o PP critican que “non ten sentido contar cunha infraestrutura destas características sen poñela en funcionamento”, especialmente tendo en conta que cada vez que se celebran concertos, actividades culturais ou congresos resulta complicado atopar estacionamento na contorna.

Neste contexto, os populares sinalan que durante a celebración de eventos é habitual ver vehículos estacionados en zonas peonís, incluso nas proximidades dun dos accesos ao auditorio na Avenida de Magoi, o que ao seu xuízo evidencia a falta de planificación e de alternativas.

O Grupo Popular considera que a apertura deste aparcadoiro permitiría mellorar a accesibilidade ao auditorio e organizar mellor o estacionamento, evitando situacións como as que se están a producir na actualidade.

Por todo isto, o PP formula a seguinte cuestión ao Executivo local: por que motivo non se está a utilizar o aparcadoiro do Auditorio Fuxan Os Ventos e cando está previsto que se poña en funcionamento para dar servizo á veciñanza.

0.11823511123657