O PP de Lugo fixa a organización do goberno e delimita as funcións de María Reigosa en infraestruturas

O Partido Popular de Lugo, como novo equipo de goberno municipal, presentou o decreto de organización que marcará as liñas de traballo durante este primeiro ano de mandato, previo ás eleccións municipais de 2027. Neste marco aprobouse tamén un decreto específico que define as funcións da concelleira non adscrita María Reigosa, quen apoiou co seu voto a moción de censura que permitiu ao PP desaloxar ao seu antigo partido, o PSOE, xunto co BNG.
O documento subliña que esta resolución busca “reforzar a seguridade xurídica, acoutar as actuacións permitidas e excluídas, e evitar que a participación política da concelleira non adscrita poida interpretarse como unha delegación encuberta, unha dirección material da concellería ou un incremento de dereitos económicos ou políticos”. Neste sentido, asígnaselle a denominación oficial de “supervisora de infraestruturas baixo a dirección da Alcaldía”, deixando claro que non ostenta cargo orgánico, directivo, administrativo nin representativo do Concello, nin forma parte do goberno municipal.
O seu labor centrarase no seguimento político e programático das actuacións vinculadas á concellería de Infraestruturas, trasladando á Alcaldía propostas, prioridades ou iniciativas, así como comunicando incidencias, demandas veciñais ou necesidades detectadas neste ámbito. Así mesmo, poderá asistir a reunións de coordinación, seguimento e avaliación cando sexa convocada expresamente pola Alcaldía, e solicitar información municipal a través dos cauces ordinarios establecidos para os membros da Corporación. Tamén poderá ser informada sobre o desenvolvemento das actuacións incluídas na súa función de supervisión, sen que iso implique acceso privilexiado a expedientes administrativos.
A resolución contempla igualmente a posibilidade de que informe á Xunta de Goberno Local sobre o resultado do seu labor cando exista convocatoria expresa da Alcaldía. Do mesmo xeito, poderá participar en actos públicos, encontros veciñais ou comparecencias de carácter político relacionadas con infraestruturas, sempre baixo a dirección da Alcaldía e sen asumir funcións executivas nin responsabilidades propias dunha concellería delegada.
No que respecta ás limitacións, o decreto establece que non poderá resolver expedientes administrativos, exercer competencias delegadas nin dispoñer de sinatura autorizada. Tampouco poderá dirixir técnica ou xerarquicamente a concellería de Infraestruturas, nin emitir ordes ou instrucións ao persoal municipal, nin dar directrices a empresas contratistas, concesionarias ou dependentes do Concello. Igualmente, non terá capacidade para validar informes, contratos, certificacións, proxectos, propostas de gasto ou outras actuacións administrativas, nin para convocar ou presidir reunións técnicas en representación do Concello, nin participar na adopción de acordos da Xunta de Goberno Local.
O texto engade que tampouco poderá representar institucionalmente ao Concello ante outras administracións ou entidades salvo autorización expresa e puntual da Alcaldía. Ademais, non disporá de persoal propio, medios materiais, correo corporativo, axenda institucional nin recursos asignados a unha concellería ou cargo de goberno. Todo isto complétase coa aclaración de que esta función non conlevará retribución económica, dedicación exclusiva ou parcial, nin indemnizacións ou compensacións de ningún tipo.
No que respecta á organización do goberno local, o decreto establece a composición da Xunta de Goberno Local, integrada por Antonio Ameijide, Ramón Cabarcos, Mar Carballas, Javier Vázquez —que exercerá como secretario—, Flora Rubinos, Silvia Colmenero, Agustín Gallego e Gustavo Díaz, con sesións fixadas agora para os luns ás 10.00 horas.
O esquema organizativo sitúa a principal concellería baixo a responsabilidade directa da alcaldesa, que abrangue medio ambiente, recursos humanos, seguridade, dinamización económica e relacións institucionais, deixando aberta a posibilidade de incorporar unha dirección xeral de Recursos Humanos. Desta estrutura tamén depende a concellería de Cristina Sanz, centrada en dinamización económica e relacións institucionais.
O decreto detalla ademais as competencias da concellería de Mobilidade e Obras, dirixida por Antonio Ameijide, así como a de Urbanismo, a cargo de Ramón Cabarcos, quen tamén poderá contar cunha dirección xeral. No ámbito económico, participación, servizos á veciñanza e benestar animal sitúase Mar Carballas.
Pola súa banda, Javier Vázquez Prado e Damián Carballo repartirán a concellería de cultura, educación, deportes, infancia e xuventude, aínda que a dirección da área corresponderá ao primeiro. A concellería de zona rural será responsabilidade de Flora Rubinos.
Completan a estrutura a concellería de industria e mercados, encabezada por Silvia Colmenero; a de turismo e museos, a cargo de Agustín Gallego; e o área de política social, maiores, migración, muller e conciliación, que se distribuirán Gustavo Díaz e Aurora Goás.
En conxunto, o decreto redefine o organigrama municipal e axusta o reparto de funcións, introducindo unha estrutura máis delimitada nas distintas concellerías e precisando con maior detalle o papel de cada responsable dentro do novo goberno local.
REACCIÓN DO BNG DE LUGO
O portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, denunciou que o novo goberno municipal do Partido Popular eliminase a área de Promoción da Lingua do organigrama do Concello de Lugo, unha decisión que cualificou de “moi negativa”, especialmente coincidindo coa celebración da Semana das Letras Galegas.
Arroxo criticou que o executivo local do PP, “chegado ao goberno de maneira ilexítima e da man dunha tránsfuga”, aprobase un decreto de organización no que desaparece por primeira vez en moitos anos unha concellería específica dedicada á promoción da lingua galega.
“Estamos na Semana das Letras Galegas, unha semana na que todo o mundo intenta promover a nosa lingua, a lingua propia de Galiza, o galego. Pero é curioso que nestes días saia o decreto de organización do novo goberno que asina o Partido Popular e que, por primeira vez en moitísimos anos, o goberno municipal non vaia ter unha concellería de Promoción da Lingua”, afirmou o portavoz nacionalista.
Segundo Arroxo, esta decisión “marca unha folla de ruta clara” por parte da alcaldesa Elena Candia respecto á política lingüística no Concello de Lugo. “O PP deixa claro que non se vai preocupar o máis mínimo pola lingua galega, porque retira esa competencia do organigrama municipal”, asegurou.
Desde o BNG consideran que a eliminación desta área supón “un paso atrás” no compromiso institucional coa defensa e promoción do galego, especialmente nun contexto no que, segundo sinalan, é necesario reforzar as políticas públicas de normalización lingüística e apoio ao uso social da lingua propia do país.
Arroxo reiterou ademais o compromiso do Bloque coa defensa do galego “como elemento fundamental da identidade e da cultura do noso pobo” e advertiu de que a formación continuará reclamando políticas activas de promoción da lingua desde todas as institucións.