O PP de Lugo levará ao pleno unha proposta para asfaltar o “leiraparking” do HULA

O Grupo Municipal do Partido Popular defenderá no vindeiro pleno ordinario unha iniciativa para asfaltar e acondicionar o coñecido como “leiraparking”, situado xunto ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), co obxectivo de poñer fin ás fochancas e ás deficiencias que, segundo sinalan, presenta este espazo.
Os populares lembran que, tras a aprobación do 5% do PXOM no ano 2023 e o cambio de categoría do solo, este ámbito xa permite actuacións como o asfaltado, polo que consideran inxustificable que, tres anos despois, o Goberno local continúe sen ofrecer unha solución definitiva a este aparcadoiro.
Este espazo, situado no ámbito urbanístico LUGO S-10.R, é empregado a diario por persoas usuarias dos servizos sanitarios do SERGAS. Porén, segundo o PP, presenta un estado moi deficiente, cun firme pouco consistente, deteriorado e cunha drenaxe insuficiente, o que provoca a aparición continua de fochancas e acumulacións de auga.
Os populares lembran ademais que no ano 2019 o propio Goberno local xustificaba a falta de actuación neste espazo pola súa consideración como solo rústico de especial protección. Con todo, sinalan que esa situación cambiou coa aprobación do PXOM, polo que entenden que xa non existen impedimentos urbanísticos para intervir.
Desde o Grupo Popular consideran que “xa non hai escusas” e pregúntanse que, se antes se alegaba a imposibilidade de actuar, “agora que se pode facer, por que non se fai”. Neste sentido, acusan ao PSOE e ao BNG de falta de xestión e interese por dar resposta a un problema que afecta a diario a moitos lucenses.
A súa proposta inclúe o asfaltado do aparcadoiro como medida principal para mellorar o firme e evitar o seu deterioro continuo, ademais da adopción de actuacións complementarias de drenaxe e ordenación do estacionamento, co fin de garantir condicións axeitadas de seguridade e accesibilidade.