O PP de Lugo reclama explicacións polos atrasos e deficiencias nas estacións de tren de Lugo, Sarria e Monforte

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Os deputados populares esixen ao Goberno “transparencia, responsabilidades e un calendario concreto” para completar unhas actuacións que consideran fundamentais para a mobilidade da provincia
obras-renovacion-estacion-de-tren-monforte
Estación de tren de Monforte
19 Aug 2026

Os deputados do Partido Popular de Lugo no Congreso, Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades, piden explicacións ao Goberno de Pedro Sánchez polos atrasos e as deficiencias que, segundo denuncian, afectan ás obras das estacións ferroviarias de Lugo, Sarria e Monforte de Lemos.

As tres actuacións, lembran, están integradas no plan de modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, que os populares consideran fundamental para a mobilidade e a competitividade da provincia. Porén, poñen o foco nunha cuestión común ás tres estacións: ningunha foi aínda recepcionada por Adif, malia os anuncios realizados polo Goberno e pola propia empresa pública sobre a finalización ou posta en servizo das obras.

Os deputados solicitan información sobre as deficiencias que están impedindo a recepción das actuacións, os prazos previstos para solucionalas, os mecanismos empregados para supervisar e controlar as obras e as posibles responsabilidades polos incumprimentos e polas informacións públicas que consideran contraditorias. “A estación de Lugo segue pechada a pesar dos anuncios do propio Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, a de Sarria funciona de forma automática a pesar de non ser recepcionada e a de Monforte de Lemos presenta graves deficiencias en ascensores, iluminación e accesos”, critica Francisco Conde. Na súa opinión, esta situación “pon en evidencia unha xestión deficiente do cumprimento dos prazos e da calidade na execución das obras por parte de Adif”.

“Mentres o Goberno de Sánchez anuncia investimentos e inauguracións, a realidade é que as obras non están rematadas, as estacións non están recepcionadas e os usuarios seguen padecendo as consecuencias”, afirma o deputado, que considera estes casos un novo exemplo do “abandono do Goberno ante as necesidades de conectividade de Galicia e, especialmente, da provincia de Lugo coa complicidade do PSOE e do seu socio de Goberno, o BNG”.

Os populares reclaman ao Executivo que explique os motivos dos atrasos e concrete cando estarán rematadas e plenamente operativas as actuacións previstas no corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo.

No caso da estación intermodal de Lugo, o PP lembra que o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible anunciou no Senado, o pasado 7 de abril, que viaxaría á cidade en xuño para inaugurar a nova estación. Posteriormente, sinalan, Adif indicou que as obras estarían rematadas a finais dese mes. Porén, os populares critican que os traballos aínda non finalizaron e que permanecen pendentes actuacións como a urbanización e o paso inferior, e lembran que a alcaldesa de Lugo xa solicitou unha reunión institucional co presidente de Adif para abordar as actuacións que a empresa executa na cidade, como a nova estación e a súa integración coa contorna, a zona da praza Conde Fontao, o paso urbano peonil baixo as vías e a conexión coa zona alta da cidade.

Segundo o PP, a praza Conde Fontao continúa pechada ao tráfico tras as obras de reurbanización incluídas no proxecto da nova estación e tampouco foi recibida por Adif.

Os deputados populares tamén piden saber se a estación dispón de todas as autorizacións técnicas e de seguridade necesarias e cales son as deficiencias que están impedindo a súa recepción. Ademais, preguntan pola situación da rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida e pola solución prevista para o desnivel entre o andén e o tren.

As iniciativas parlamentarias tamén solicitan información sobre un posible incremento do orzamento, o período de garantía para corrixir as deficiencias, as eventuais penalizacións á empresa adxudicataria e a elaboración dun calendario detallado para completar os traballos pendentes.

En Sarria, explican os populares, as actuacións previstas contemplan o tratamento dos andéns e dos cruces entre eles, unha nova pasarela peonil sobre as vías e a reconfiguración e ampliación das instalacións para permitir a circulación de trens de ata 750 metros.

Porén, desde o PP denuncian que, a pesar destas actuacións, a estación funciona de forma automática e a obra continúa sen ser recepcionada por Adif, segundo denuncia o PP. Por iso, os deputados solicitan información sobre o estado das diferentes intervencións, as deficiencias que están impedindo a recepción, as partidas que poidan quedar pendentes e o prazo previsto para que a estación estea plenamente operativa e sexa recepcionada.

Os populares cuestionan ademais a razón pola que o proxecto non incluíu un ascensor que permita garantir a accesibilidade entre os diferentes andéns e a pasarela peonil e se está prevista a execución desta actuación nunha fase posterior.

Por último, en Monforte de Lemos, as obras de remodelación integral da estación comezaron en febreiro de 2023 e foron concluidas o pasado 18 de xuño de 2026 co remate das melloras de accesibilidade. Porén, Francisco Conde asegura que “os ascensores continúan sen estar operativos, persisten problemas de iluminación nos andéns e existen fisuras e plaquetas rotas”. Ademais, o vestíbulo permanece pechado en determinadas franxas horarias e a obra tampouco foi recepcionada por Adif.

Ante esta situación, os populares queren coñecer cando se volverá abrir o vestíbulo coincidindo cos horarios de todos os trens, cando entrarán definitivamente en funcionamento os ascensores e como pode Adif anunciar a conclusión das obras cando aínda existen deficiencias pendentes.

As preguntas presentadas tamén solicitan información sobre as actuacións que quedan por executar para dar por rematada e recepcionada a obra, o importe que queda por certificar ou liquidar, as inspeccións técnicas realizadas e as posibles penalizacións á empresa adxudicataria polos atrasos ou polas deficiencias detectadas.

0.12163496017456