O PP denuncia o abandono das instalacións deportivas anexas ao pavillón Daniel Cordido na Piringalla

O Grupo Municipal do Partido Popular denuncia o estado de abandono no que se atopan as instalacións deportivas anexas ao pavillón Daniel Cordido, situadas no barrio da Piringalla. En concreto, refírense a unha pista de tenis que na actualidade non ten uso e presenta un notable deterioro, ofrecendo unha imaxe de desleixo impropia dun espazo destinado á práctica deportiva.
Os populares lembran que hai medio ano o concelleiro de Deportes anunciara que o seu departamento estaba a estudar a transformación desta pista nun espazo multideporte, con porterías de fútbol e canastras de baloncesto, asegurando que a proposta respondía ás demandas da veciñanza e das entidades da zona.
Porén, seis meses despois, a situación continúa sen cambios. A instalación segue sen uso, en mal estado e sen que se realizase ningunha intervención por parte do Goberno municipal. O concelleiro popular Damián Carballo sinala ademais que non existe información pública sobre avances neste proxecto, o que ao seu xuízo evidencia unha falta de compromiso por parte do responsable de Deportes.
Carballo lamenta que o concelleiro dedique máis esforzo a realizar anuncios que a convertelos en actuacións concretas que repercutan na mellora da vida da cidadanía.
Ante esta situación, o edil popular avanzou que presentará na comisión correspondente deste mes un rogo no que instará ao concelleiro de Deportes a abandonar a política de promesas baleiras e a impulsar a recuperación e posta en valor destas instalacións deportivas en beneficio da veciñanza da Piringalla.