O PP denuncia o "abandono" do quiosco Mirador do Campus e reclama a súa recuperación

O Grupo Provincial do PP volve poñer o foco no estado do quiosco Mirador do Campus, unha instalación propiedade da Deputación de Lugo que permanece pechada desde hai máis dunha década. O seu portavoz, Antonio Ameijide, reclama ao Goberno provincial que actúe para recuperar este espazo e acusa a PSOE e BNG de permitir o seu progresivo deterioro.
Segundo explica Ameijide, hai dúas décadas o establecemento funcionaba como lugar de encontro tanto para a veciñanza como para o alumnado do Campus de Lugo. Na actualidade, denuncia, presenta unha imaxe moi diferente debido aos anos sen actividade e á falta de conservación.
O portavoz popular asegura que parte do tellado se atopa deteriorado e que as instalacións sufriron actos vandálicos. Unha situación que, ao seu xuízo, non só evidencia unha falta de mantemento, senón que pode xerar riscos para quen circula polas inmediacións do Pazo dos Deportes e pola zona universitaria situada entre as facultades de ADE e Humanidades.
Ameijide responsabiliza desta situación ao Goberno provincial de PSOE e BNG e insta á presidenta da Deputación, Carmela López, a impulsar a recuperación dun inmoble que considera emblemático. "Fai 20 anos o quiosco Mirador servía de punto de encontro tanto para lucenses como para estudantes do Campus de Lugo, pero leva xa máis dunha década pechado e abandonado", sostén.
Unha petición trasladada ao Pleno
O PP lembra que a situación do quiosco xa foi abordada no Pleno provincial do pasado mes de abril, cando o grupo reclamou formalmente unha actuación sobre o inmoble. "Agardamos que non quede en papel mollado e cumpran cos veciños e veciñas de Lugo", sinala Ameijide.
Os populares amplían as súas críticas a outros bens de titularidade provincial. Entre eles mencionan os complexos náuticos situados en distintos municipios da Ribeira Sacra e un complexo turístico de Quiroga que conta con instalacións como cámping, área para autocaravanas e bungalós.
Ameijide sostén que estes exemplos responden a unha mesma política de falta de aproveitamento e conservación do patrimonio provincial e reclama á Deputación medidas para recuperar instalacións que, segundo defende, poderían volver a prestar servizo á cidadanía.