O PP denuncia o estado “nefasta” da rede viaria en Baleira e reclama actuacións urxentes

LugoXa
O Grupo Provincial Popular e o Concello alertan do deterioro de varias estradas e piden intervencións inmediatas pola seguridade viaria
PP-Baleira-denuncia-estradas-Deputacion
23 Jun 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron un encontro de traballo co alcalde de Baleira, Ángel Martínez, e con concelleiros do PP para abordar as principais reivindicacións do municipio coa Deputación de Lugo, centradas especialmente no estado da rede viaria provincial.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, cualificou de “nefasta” a situación de conservación das estradas dependentes da Deputación ao seu paso polo municipio, asegurando que se trata dun problema que se repite, segundo o PP, en numerosos concellos da provincia pola falta de mantemento por parte de PSOE e BNG.

Desde o Concello de Baleira remitiuse un escrito ao goberno provincial no que se advirte de que varias estradas de titularidade da Deputación presentan un estado deficiente, con deterioracións no firme, fochancas, desgaste da capa de rodadura, problemas de drenaxe e outras incidencias que afectan á seguridade viaria.

O consistorio subliña que estas vías son infraestruturas fundamentais para a mobilidade da veciñanza, o acceso ás explotacións agrogandeiras, aos núcleos de poboación e aos servizos básicos, polo que considera necesario actuar de maneira urxente para garantir condicións axeitadas de circulación.

Un dos tramos máis afectados é o da estrada LU-P-0401, que conecta con Corveira, Xestoso, Córneas, Alto de Restelo, Vilagarcía e Ponte en Córneas, e que presenta, segundo denuncian, importantes deficiencias con buratos de gran tamaño que chegan a provocar rozaduras na parte inferior dos vehículos.

Esta situación está a xerar numerosas queixas por parte dos veciños, que o Concello de Baleira asegura recibir de forma constante.

Tamén se sinala a necesidade de actuación noutras vías provinciais como a LU-P-0404, en Montouto, Pereira e Fonchave; a LU-P-0408, no Freixo e Córneas; a LU-P-0405, en Lastra e Fonteo; a LU-P-0407, no núcleo de Fontela; e a LU-P-0403, no núcleo de Valdería.

0.13316106796265