O PP denuncia que unha ponte da LU-P-2405 en Guntín segue sen protección case dous anos despois de reclamar a súa reparación

LugoXa
Os populares alertan do risco de caída ao río pola falta de varandas e o afundimento da zona interior da estrutura e esixirán de novo unha intervención da Deputación
PP-ponte-Guntín-LU-P-2405
5 Nov 2026

O PP de Lugo volve reclamar unha actuación urxente na ponte da estrada provincial LU-P-2405, en Guntín, ao considerar que o seu estado supón un perigo para os condutores. O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, e o alcalde do municipio, Ángel Pérez, denunciaron que a situación continúa sen resolverse case dous anos despois das primeiras advertencias e máis dun ano despois de solicitar publicamente unha intervención, a última vez en xullo de 2025.

A ponte, situada nunha curva da vía que comunica Guntín con Entramasaugas, San Román e As Pardellas, presenta unha zona interior afundida e carece de varandas ou calquera outro elemento de protección. Os populares advirten especialmente do risco que se produciría se dous vehículos se cruzasen neste punto, xa que un deles podería acabar caendo ao leito do río.

Ameijide considera "incomprensible" que o goberno provincial do PSOE e o BNG manteña sen resolver un problema que afecta directamente á seguridade viaria. Pola súa banda, Ángel Pérez insiste en que a Deputación debe actuar canto antes e lembra que os concellos non poden asumir as competencias nin os investimentos que lle corresponden á Administración provincial.

Ademais de intervir na ponte, o PP reclama melloras no firme, nas cunetas e na sinalización da LU-P-2405. O grupo provincial asegura que volverá levar esta demanda ao pleno para esixir que se acometan as obras necesarias e se atendan as reclamacións trasladadas desde Guntín.

0.16817188262939