O PP esixe á Deputación o arranxo urxente dunha ponte en Roméan polo seu mal estado

Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular reclaman á Deputación de Lugo unha actuación inmediata para arranxar unha ponte situada na estrada provincial LU-P-1602, ao seu paso pola parroquia de Roméan, debido ás deficiencias que presenta e que, segundo advirten, poderían agravarse e comprometer a estabilidade da infraestrutura.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, visitou a zona acompañado da concelleira Flor Rubinos e de veciños da parroquia para comprobar de primeira man o estado da ponte.
Ameijide subliña que a situación require “unha actuación inmediata” co obxectivo de evitar posibles incidentes e lembra que na provincia xa se teñen producido casos semellantes por falta de intervención a tempo, como o ocorrido en Navia, onde a deterioración dunha ponte acabou provocando o seu colapso.
Ademais, o portavoz popular incide na necesidade de mellorar o estado xeral da estrada LU-P-1602. A pesar de que en 2025 se levou a cabo unha renovación do firme, esta actuación limitouse ao tramo que discorre polo concello do Corgo, deixando outros treitos da vía en condicións deficientes.
Por este motivo, o Grupo Popular considera imprescindible acometer unha renovación integral do firme en toda a estrada, así como realizar a limpeza das cunetas, co fin de reforzar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación.