O PP levará ao Parlamento o investimento en Esperante que di que está "obstaculizado polo alcalde"

LugoXa
Foi a Xunta a que deu un paso adiante coa sinatura, no ano 2022, dun convenio de colaboración para financiar o 70 % da actuación para dotala de saneamento
PP-en-Esperante-Lugo
12 Apr 2026

O Partido Popular levará este mércores ao Parlamento de Galicia un novo intento para que o alcalde de Lugo deixe de obstaculizar unha actuación moi importante para a parroquia de Esperante e para que deixe de ser habitual neste goberno local o bloqueo, a desinformación e a falta de planificación e de xestión. A iniciativa rexistrada polos deputados populares reclama explicacións sobre a situación do proxecto de saneamento nesta zona e pon o foco nunha preocupación crecente: ata cando vai seguir sen resolverse unha actuación para a que existen recursos comprometidos desde hai anos.

Na pregunta presentada para a súa resposta oral na Comisión 2ª, o Grupo Popular lembra que dotar ás parroquias rurais de servizos básicos como o saneamento e o abastecemento de auga é unha obriga básica para garantir calidade de vida, saúde pública e igualdade de oportunidades no rural. O texto recolle tamén que Lugo conta con 54 parroquias rurais e denuncia que moitas delas seguen esquecidas polo goberno local, malia as reiteradas promesas feitas ao longo dos anos.

Os populares lembran que, ante a incapacidade do Concello para impulsar esta mellora, foi a Xunta de Galicia a que deu un paso adiante coa sinatura, no ano 2022, dun convenio de colaboración para financiar o 70 % da actuación destinada a dotar de saneamento a Esperante. Case tres anos despois, o proxecto segue sen estar redactado nin executado, unha situación que, ao xuízo do PP, evidencia a falta de planificación e de xestión do goberno local.

Ademais, o Grupo Municipal Popular xa propuxo no Concello aproveitar esta actuación para ampliar o convenio e incorporar tamén o abastecemento de auga á parroquia, unha proposta que foi rexeitada polo goberno local. Para o PP, esta negativa resulta incomprensible e confirma unha forma de gobernar marcada pola parálise e pola incapacidade para aproveitar investimentos beneficiosos para os veciños mesmo cando hai financiamento enriba da mesa.

A través desta iniciativa, o PP preguntará no Parlamento en que situación se atopa a redacción do proxecto de saneamento de Esperante, por que motivo segue sen estar listo case tres anos despois e que valoración fai a Xunta sobre a posibilidade de aproveitar a actuación prevista para achegar tamén o abastecemento municipal á zona. Os populares insisten en que o máis preocupante é que, tendo os recursos comprometidos e existindo disposición para colaborar, o problema siga sendo a falta de vontade política e de xestión por parte do goberno local.

0.12995886802673