O PP levará ao Senado unha iniciativa para reclamar un plan concreto sobre a chegada da alta velocidade a Lugo

GaliciaXa | LugoXa
A moción pide ao Goberno central que presente nun prazo máximo de tres meses unha planificación detallada con obras, investimentos e prazos definidos
RENFE tren
20 Jun 2026

O Senado debaterá este luns, 22 de xuño, unha moción presentada polo Grupo Parlamentario Popular na que se solicita ao Goberno de España a elaboración dunha planificación completa e detallada para garantir a chegada da alta velocidade ferroviaria á provincia de Lugo.

A iniciativa será defendida na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible da Cámara Alta polo senador lucense José Manuel Balseiro e conta tamén coa sinatura dos senadores José Manuel Barreiro e Juan Serrano.

A proposta reclama que o Executivo central presente nun prazo máximo de tres meses un documento que inclúa as actuacións previstas, os investimentos necesarios e os prazos concretos para facer realidade unha conexión ferroviaria moderna para a provincia.

Desde o Grupo Popular consideran que é necesario pasar dos anuncios e promesas xerais a compromisos específicos que permitan resolver a situación dunha provincia que continúa sendo a única capital galega que permanece á marxe da alta velocidade ferroviaria.

Neste sentido, a moción reclama que se definan as actuacións necesarias para que Lugo poida contar cunha infraestrutura ferroviaria competitiva e equiparable á existente no resto do territorio galego.

José Manuel Balseiro advertiu de que Lugo leva anos acumulando atrasos e incumprimentos en materia de infraestruturas e considera que a falta dunha planificación clara sobre a chegada do AVE representa unha desvantaxe para a competitividade da provincia, a captación de investimentos, a fixación de poboación e o desenvolvemento económico.

A iniciativa presentada polos populares inclúe tamén a petición para recuperar as variantes ferroviarias de Os Peares-Canabal e Rubián, actuacións que consideran estratéxicas para mellorar as prestacións da conexión ferroviaria de Lugo e evitar que a provincia quede excluída dos beneficios asociados á alta velocidade.

Balseiro asegurou que a cidadanía lucense leva tempo mostrando o seu malestar ante o incumprimento de compromisos relacionados con esta infraestrutura e incidiu na necesidade de coñecer con claridade os plans do Goberno central, tanto en materia de investimentos como de calendarios de execución.

Os populares confían ademais en lograr o apoio do resto dos grupos parlamentarios a unha proposta que consideran acorde cunha demanda amplamente compartida pola sociedade lucense e por distintas institucións que durante os últimos anos reclamaron solucións para poñer fin á situación de desigualdade ferroviaria que afecta á provincia.

0.12547516822815