O PP reclama melloras urxentes no parque Marcos Cela polo seu deterioro

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo levará ao próximo pleno unha iniciativa coa que busca impulsar a mellora e posta en valor dos xardíns e do parque Marcos Cela, un espazo que, segundo subliñan, conta cun notable potencial pero precisa dun mantemento axeitado para estar á altura do seu valor.
Desde a formación destacan que se trata dunha zona especialmente relevante para a cidade, xa que alberga unha das poucas carballeiras situadas no casco urbano, converténdose nun lugar singular para o lecer e o encontro da veciñanza. Con todo, lamentan o seu estado actual, que consideran afastado das posibilidades reais que ofrece este parque.
Tras analizar a situación sobre o terreo, o PP expón unha serie de actuacións concretas encamiñadas a mellorar a conservación e a seguridade do espazo. Entre as medidas formuladas inclúese a eliminación de pintadas en diferentes elementos como a pasarela, a fonte do Pilar, os miradoiros e o mobiliario urbano, así como a reparación de varandas e a instalación de sistemas de protección nos cinco tramos nos que actualmente faltan.
A proposta tamén recolle a revisión da pasarela situada sobre a Volta da Viña, a posta a punto dos miradoiros e intervencións nas áreas afectadas por desprendementos, ademais da renovación das escaleiras dos paseos interiores. A maiores, reclámase a instalación dunha baranda de seguridade na rúa Acea de Olga, lindeira co parque, e a substitución do pavimento do parque infantil, que presenta ocos considerados perigosos para a cativada.
A voceira popular, Elena Candia, incide en que o estado dos espazos públicos é un reflexo do modelo de cidade e advirte de que non é suficiente con anunciar novos proxectos se non se garante o correcto mantemento dos xa existentes. Neste sentido, considera incoherente promover novos espazos mentres parques como o Marcos Cela requiren actuacións básicas de mellora.
Desde o Partido Popular defenden que Lugo debe avanzar cara a un modelo baseado na planificación, no coidado e no aproveitamento dos recursos xa dispoñibles, asegurando que todos os barrios conten con espazos públicos seguros, accesibles e en boas condicións.