O PP reclamará no pleno actuacións urxentes no Camiño da Granxa en Benade

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao pleno deste mes un rogo para instar ao Concello de Lugo a intervir no Camiño da Granxa, situado na zona de Puga, na parroquia de Benade, onde a veciñanza leva anos solicitando unha solución ante o deterioro desta vía.
Desde o PP advirten de que a situación resulta especialmente preocupante, cunha estrada chea de fochancas que ocupan boa parte da calzada, sen sistema de drenaxe e cun firme moi deteriorado. Ademais, sinalan que o mal estado da pista impide incluso o paso de camións, o que está a afectar directamente á actividade dunha explotación avícola situada na zona.
Os populares lembran que xa reclamaron en dúas ocasións a mellora desta vía. En outubro de 2024, o Goberno local tivo en conta a petición, mentres que en setembro de 2025 a resposta municipal limitouse a indicar que as actuacións dependerían do calendario, do orzamento dispoñible, dos recursos humanos e das condicións climatolóxicas.
“Dous anos, dúas respostas que non concretan nada e ningún avance”, critican desde o PP, que consideran este caso como un exemplo da xestión do PSOE e do BNG no Concello de Lugo.
Neste contexto, subliñan a súa intención de continuar insistindo ata que se dea resposta ás demandas veciñais. “Non imos deixar de reclamar solucións porque non é razoable que unha necesidade básica leve anos sen ser atendida”, sinalan.
Por este motivo, o Grupo Popular volverá levar esta cuestión ao pleno mediante un rogo, co obxectivo de que o Goberno local actúe con urxencia e poña fin a unha situación que, segundo indican, afecta directamente ao día a día dos veciños e veciñas da zona.