O PPdeG destaca o investimento da Xunta na catedral como mostra do seu compromiso con Lugo

LugoXa
Os populares poñen en valor os máis de 2,5 millóns de euros destinados á conservación e rehabilitación do templo e lembran novas actuacións previstas
fin-obras-Catedral-de-Lugo-Xunta
17 Jun 2026

O PPdeG destacou que o esforzo investidor realizado polo Goberno galego na catedral de Santa María de Lugo constitúe un “claro exemplo” do compromiso firme da Xunta coa cidade. Neste sentido, a deputada do Grupo Parlamentario Popular Cristina Sanz puxo en valor os máis de 2,5 millóns de euros que o Executivo autonómico leva investidos no proxecto de conservación e rehabilitación deste destacado elemento do patrimonio histórico e cultural.

Tras concluír os traballos destinados á reparación e eliminación das humidades detectadas na cabeceira do templo, na zona onde se atopa a capela da Virxe dos Ollos Grandes, a parlamentaria popular avanzou que a seguinte actuación será a restauración do cadeirado lígneo do coro elaborado por Francisco de Moure. Esta peza, con máis de 400 anos de antigüidade, está integrada por un total de 66 cadeiras. O proxecto atópase actualmente en fase de licitación, despois de que o prazo de presentación de ofertas rematase a finais do mes de maio, e conta cun investimento superior aos 285.000 euros.

Os deputados populares tamén sinalaron que permanece pendente de licitación a rehabilitación dos espazos correspondentes á panda oeste do claustro da catedral lucense. Segundo explicaron, esta intervención permitirá mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética, poñer en valor o espazo abovedado e recuperar esta zona para usos culturais. O Goberno galego contempla para estes traballos un investimento próximo aos 1,8 millóns de euros.

Tal e como lembrou Manuel Mato, este conxunto de actuacións de conservación, restauración e rehabilitación intégrase no Plan catedrais de Galicia impulsado pola Xunta e cofinanciado a través do programa Galicia FEDER 2021-2027. Segundo apuntou, o obxectivo destas actuacións pasa por recuperar todo o esplendor desta “xoia artística” para que continúe sendo un referente cultural, relixioso e turístico.

Nesta mesma liña, o Grupo Popular rexistrou unha pregunta oral coa finalidade de que o Goberno galego informe sobre o traballo desenvolvido ata o momento para garantir a protección e conservación deste “extraordinario testemuño da evolución da arquitectura relixiosa”.

0.26200604438782