O programa municipal Teatro do Barrio rematará con tres representacións entre maio e xuño

O programa municipal Teatro do Barrio porá o broche final ao curso con tres representacións teatrais a cargo dos grupos participantes nesta iniciativa, centrada en promover actividades inclusivas e interxeracionais.
As funcións desenvolveranse os días 27 de maio e 2 e 4 de xuño, todas elas ás 19.00 horas. As dúas primeiras terán lugar no centro de Fingoi, mentres que a última se celebrará no centro Uxío Novoneyra, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo.
A área de Cohesión Social do Concello de Lugo impulsa estas representacións como peche dunha actividade na que este curso participaron tres grupos de teatro afeccionado, formados por arredor de 15 persoas cada un nos centros de convivencia da Milagrosa, Fingoi e Uxío Novoneyra. Foron os propios integrantes quen decidiron organizar estas funcións finais, como culminación do traballo desenvolvido ao longo do ano.
A primeira cita será o 27 de maio, co grupo da Milagrosa, que representará Bon Será no centro social de Fingoi. O 2 de xuño será a quenda do grupo de Fingoi, coa obra Pintando cousas, inspirada en Cousas de Castelao. A última función, o 4 de xuño, correrá a cargo do grupo do Uxío Novoneyra, no seu propio centro de convivencia.
O Teatro do Barrio retomouse dentro da programación sociocultural 2025-2026 do Concello, que incluíu arredor de 30 propostas orientadas a fomentar a participación cidadá. A actividade destacou pola diversidade dos seus participantes, con presenza de persoas mozas, adultas, maiores e tamén con discapacidade intelectual, consolidándose como unha experiencia de integración e convivencia a través do teatro.
Desde a área de Cohesión Social subliñan a boa acollida da iniciativa, que contou cun alto nivel de participación e implicación por parte das persoas inscritas, nun programa que ofreceu unhas 2.000 prazas para actividades de lecer activo e saudable.