O proxecto musical do lucense Xoán Fórneas abre o Corufest na Coruña

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa
O actor e cantante presenta este mércores no Teatro Colón a súa nova etapa como O Xoán, nun concerto que conecta Lugo e A Coruña dentro dun festival dedicado á diversidade
A CORUÑA o xoan corufest
6 May 2026

O Corufest 2026 arrinca este mércores, 6 de maio, cunha apertura con acento lucense. O actor e músico Xoán Fórneas, nado en Lugo e vinculado agora ao seu proxecto musical O Xoán, ofrecerá o seu primeiro concerto na Coruña ás 20.30 horas no Teatro Colón.

O artista chega ao festival despois de consolidar a súa traxectoria no audiovisual e de iniciar unha nova etapa na música en galego. A súa proposta móvese entre o pop e a electrónica, cun formato escénico no que combina interpretación, canción e unha posta en escena pensada como unha viaxe emocional.

No concerto presentará parte do repertorio do que será o seu primeiro disco. O seu debut musical chegou co sinxelo 'Ferido', unha peza de pop electrónico en galego coa que empezou a abrir camiño nesta nova faceta artística.

A actuación marcará o inicio da novena edición do Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual, que este ano se celebra baixo o lema 'unha cidade que acolle, unha cultura que transforma'. Durante doce días, a programación levará teatro, danza, literatura, memoria e pensamento a distintos espazos da Coruña.

A actividade continuará o xoves 7 de maio na biblioteca do Centro Ágora coa entrega do Recoñecemento Samuel Luiz a Boti García Rodrigo, figura clave do movemento LGTBIQ+. Despois celebrarase o encontro 'Escritas desbordadas: Narrar o que incomoda', centrado na palabra, a identidade, o corpo e os relatos que cuestionan o normativo.

O festival incluirá tamén propostas como 'Orgía', no Teatro Rosalía de Castro; 'Manual para follarse a un macho con vagina', no Centro Cívico dos Mallos; a exposición 'Maricones y travestis a la calle', de Sergio Marey; e o laboratorio escénico 'Drama, Glitter y Revolución', conducido por Noemi Rodríguez. O peche chegará o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas e o Día Internacional contra a Homofobia, Transfobia e Bifobia.

0.13568615913391