O PSdeG de Lugo reclama destinar os remanentes municipais a completar a Segunda Rolda da zona norte

LugoXa
Miguel Fernández insta ao Goberno local a executar as expropiacións pendentes para culminar unha infraestrutura que considera clave para a mobilidade e o desenvolvemento de Lugo
psoe-lugo-rolda-norte-piringalla
14 Jul 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Miguel Fernández, reclamou ao Goberno local que destine os remanentes municipais á execución das expropiacións necesarias para completar o trazado da Segunda Rolda na zona norte da cidade, unha actuación que definiu como "a infraestrutura de mobilidade máis transformadora pendente de executar en Lugo".

Fernández asegurou que o anterior Executivo municipal deixou definidos os ámbitos de actuación, a planificación urbanística e a folla de ruta necesaria para facer realidade este proxecto estratéxico, polo que considera que xa non existen motivos para seguir adiando a súa execución.

A primeira intervención prevista abrangue o tramo comprendido entre a rúa Escultor Asorei e a rúa Amizade, pola parte posterior do colexio Divino Mestre. Segundo explicou, a adquisición destes terreos permitiría conectar ambas vías e crear un novo corredor que facilitaría os desprazamentos entre o norte, o centro e o sur da cidade.

O portavoz socialista subliñou que non se trata unicamente da apertura dunha nova rúa, senón de completar unha peza esencial da rede viaria lucense que contribuiría a distribuír mellor o tráfico, reducir percorridos innecesarios e ofrecer novas alternativas aos miles de vehículos que circulan diariamente por esta zona.

A segunda actuación afectaría á eliminación do coñecido tapón urbanístico situado na confluencia das rúas Dona Urraca e Revista Ronsel. Esta intervención permitiría completar o itinerario norte-sur e sur-norte a través da avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez e da rúa Río Narla, conectando directamente coa avenida Infanta Elena.

Miguel Fernández defendeu que ambas actuacións forman parte dun mesmo proxecto estratéxico que permitiría culminar definitivamente a Segunda Rolda da zona norte, mellorando a fluidez do tráfico, reducindo os tempos de desprazamento e reforzando a seguridade viaria.

O socialista incidiu ademais en que esta infraestrutura resulta necesaria para desenvolver a transformación da Avenida da Coruña prevista na Estratexia Novo Norte. Ao seu xuízo, antes de acometer esa actuación é imprescindible ofrecer alternativas ao tráfico que actualmente soporta esta vía.

Fernández advertiu tamén de que renunciar a estas actuacións podería dificultar o cumprimento dos obxectivos asociados aos fondos europeos destinados á transformación urbana da zona norte e limitar as posibilidades de acceder a novos recursos económicos.

Finalmente, acusou ao Goberno municipal de utilizar os remanentes "sen unha visión estratéxica" e instou á alcaldesa a converter estas expropiacións nunha prioridade. Segundo afirmou, Lugo precisa planificación e investimentos estruturais que dean resposta ás necesidades de mobilidade das próximas décadas.

0.12150382995605