O PSdeG de Rábade acusa ao Goberno local de non tramitar a tempo os contratos dos ascensores da nova pasarela

O PSdeG de Rábade acusa ao Goberno municipal do PP de non realizar a tempo as xestións necesarias para poñer en funcionamento os ascensores da nova pasarela peonil sobre a liña ferroviaria León-A Coruña e considera que o executivo local está intentando eludir as súas responsabilidades. Os socialistas aseguran que o Concello coñecía desde hai meses a planificación dos traballos e que debería ter tramitado os contratos necesarios para a subministración eléctrica e o mantemento dos ascensores.
A formación socialista sinala que os ascensores están instalados e que deberían estar operativos desde a apertura da nova pasarela. Segundo o PSdeG, a Subdelegación do Goberno en Lugo informou da posta en servizo da nova infraestrutura e indicou que o funcionamento dos ascensores queda condicionado á autorización e ás tramitacións correspondentes por parte do Concello de Rábade, que, segundo esta comunicación, coñecía a situación desde a sinatura do convenio.
Os socialistas sosteñen ademais que, de acordo coa información oficial de Adif, a actuación estaba programada desde había meses, polo que consideran que o Goberno municipal tiña coñecemento suficiente para preparar as contratacións necesarias. “Non é verdade que isto se decidise dun día para outro, como di a alcaldesa do PP”, afirma o PSdeG, que lembra que unha obra destas características require planificación, modificacións no tráfico ferroviario, maquinaria e equipos especializados e coordinación previa.
Desde o grupo socialista aseguran que a falta de funcionamento dos ascensores se debe a que o Concello non completou os trámites correspondentes. “A veciñanza non pode utilizar os ascensores porque o Goberno municipal do PP non fixo e segue sen facer o seu traballo”, denuncian. Por este motivo, reclaman ao executivo local que resolva de inmediato as contratacións e autorizacións pendentes para que os elevadores poidan entrar en funcionamento.
O PSdeG acusa tamén a alcaldesa de tratar de responsabilizar a Adif dunha situación que, segundo a súa versión, corresponde resolver ao Concello. “Un pode equivocarse, non facer o seu traballo, pero o que non é ético nin moral é falsear a realidade para culpar a quen si cumpriu, proxectando, investindo, construíndo e rematando esta obra”, sinalan os socialistas.
Pola súa banda, o Goberno local de Rábade ofrece unha versión diferente sobre a apertura da nova pasarela. A alcaldesa, Reme González, lamentou a falta de información facilitada por Adif e a premura coa que, segundo o Concello, se levou a cabo o derrubamento da antiga pasarela e a apertura parcial da nova infraestrutura.
O executivo municipal informou de que, polo momento, só se abriron ao paso as escaleiras e advertiu de que aínda permanecen restos de obra na infraestrutura. Por este motivo, pediu aos veciños e veciñas que extremen as precaucións mentres utilizan a pasarela.
Reme González criticou tanto a falta de información previa á veciñanza como o estado no que se atopaba a nova infraestrutura no momento da súa apertura. O Goberno local sostén que a pasarela, cuxa responsabilidade corresponde a Adif, non presenta aínda as condicións axeitadas para o seu uso debido á presenza de materiais de obra.
O Concello agarda que a actuación poida ser recepcionada pola administración municipal, tal e como, segundo indica, se comprometera Adif, para poder completar os trámites necesarios e abrir os ascensores á cidadanía canto antes.