O PSdeG de Rábade pide á Deputación o arranxo da rúa Bautista Núñez Varela e as instalacións deportivas

LugoXa | TerraChaXa
O voceiro socialista mantivo unha reunión coa presidenta da Deputación para abordar dúas demandas prioritarias da veciñanza
alejandro-martinez-rabade
20 May 2026

O voceiro do PSdeG en Rábade, Alejandro Martínez, mantivo unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para trasladarlle dúas demandas prioritarias para o municipio: a renovación da rúa Bautista Núñez Varela e novas intervencións nas instalacións do campo de fútbol municipal.

Durante o encontro, Martínez solicitou a colaboración da institución provincial para acondicionar a rúa Bautista Núñez, unha vía que presenta un importante deterioro no firme e na sinalización, polo paso de vehículos pesados vinculados á actividade empresarial da contorna. Segundo explicou, trátase dunha demanda trasladada dende hai tempo pola veciñanza e dunha obra necesaria para reforzar a seguridade viaria na vila.

“O que lle trasladamos á Presidenta é a necesidade de mellorar o firme, repoñer a sinalización e avanzar nunha solución estable para ordenar o tráfico pesado. O obxectivo é evitar que esta rúa siga deteriorándose polo paso de vehículos que non deberían circular por ela”, sinalou o voceiro socialista.

Martínez valorou a disposición da Deputación para colaborar nesta intervención e defendeu a conveniencia de estudar un convenio de cesión ao Concello, de maneira que a administración local poida regular o tráfico pesado. “Agardamos que o Partido Popular traballe para ordenar esta situación, porque falamos dunha cuestión que afecta directamente á seguridade viaria de Rábade”, apuntou.

Outro dos asuntos abordados foi a necesidade de seguir mellorando as instalacións do campo de fútbol municipal. O voceiro socialista lembrou que a institución provincial xa financiou proxectos importantes neste espazo, con 200.000 euros para a renovación integral do campo e 58.000 euros para a construción dos novos vestiarios, e trasladou a importancia de seguir completando un equipamento fundamental para os clubs, os equipos e a mocidade do municipio.

O representante socialista destacou que os principais investimentos que recibiu Rábade nos últimos anos chegaron da man dos gobernos progresistas do Estado e da Deputación, fronte á falta de actuacións da Xunta de Galicia do PP. Neste sentido, lembrou os preto de 700.000 euros mobilizados pola institución provincial para vías e infraestruturas, así como os máis de 710.000 euros do Executivo central para a nova pasarela peonil.

“Cada vez queda máis claro que as obras importantes que chegan a Rábade veñen da man dos gobernos progresistas. Fronte a isto, a Xunta leva anos sen deixar ningunha actuación de calado no noso municipio. Ese é o legado do PP en Rábade: ningunha inversión relevante e ningunha resposta ás necesidades da veciñanza”, criticou.

Alejandro Martínez valorou positivamente a reunión e agradeceu a receptividade da Presidenta, Carmela López. “Saímos moi satisfeitos deste encontro, porque vemos unha Deputación comprometida co noso municipio e disposta a seguir colaborando en cuestións fundamentais para garantir a calidade de vida da nosa veciñanza”, concluíu.

0.089305877685547